CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o programa da Festa dos Maios no Barco, unha celebración da natureza

 

Entre as escasas vilas da provincia e de Galicia que aínda conservan a antiga tradición dos Maios, un tributo á natureza feito festa, está O Barco. Así o lembraba a concelleira de Cultura deste municipio, Margarida Pizcueta esta mañá na presentación do programa dos Maios 2026 na vila, que combina os elementos esencias desta celebración (como o concurso de Maios e coplas, no que se repartirán máis de 2.300 euros en premios), con actuacións e contacontos, ademais de cunha mostra de artesanía e produtos locais.

As actividades, que terán novamente como escenario a praza do Príncipe, comezarán a partir das 11h. coa apertura da mostra e co inicio da exhibición dos Maios (nas modalidades artística e enxebre) e de arcos florais. A música e o baile tradicional animará a partir do mediodía a festa coa actuación da agrupación Cantigas e Agarimos, unha das máis representativas do panorama galego e que xa ten participado noutras ocasións nesta cita, segundo lembraba a edil de Cultura.

 

 

Arredor das 13h. darase paso ao canto das coplas, onde, de seguro, se fará un repaso en clave crítica e humorística por algúns dos acontecementos da actualidade tanto local como xeral.

O programa continuará pola tarde coa mostra de artesanía e produtos locais e, ás 18h., cos contos do “Carballo con botas”, do narrador oral Anxo Moure, un canto á ecoloxía e ao ecopacifismo, “é unha peza sinxela, pero moi arraigada ao noso entorno máis próximo, tendo en conta os incendios do pasado verán, algo que tamén vai afectar aos nosos Maios, xa que ao mellor non resulta tan fácil atopar elementos vexetais para elaboralos”, dicía Margarida Pizcueta.

Ás 19h. virá un dos momentos máis agardados e emocionados, xa que se dará a coñecer o fallo do xurado oficial do concurso e os Maios e coplas ganadores desta edición. Tamén se saberá quen será o mellor Maior do “Voto Aberto” do Centro Comercial Aberto (CCA), que un ano máis colabora coa organización da festa. Para elixilo instalarse unha urna na que calquera poderá votar ao seu Maio favorito.

 

 

Premios

Os premios establecidos para os Maios, en cada unha das dúas modalidades (artísticos e enxebres), son os seguintes:

  • Un primeiro premio de 350€
  • Un segundo premio de 300€
  • Un terceiro premio de 200€
  • Dous accésits de 100€

Os premios establecidos para as Coplas, son os seguintes:

  • Un primeiro premio de 250€
  • Un segundo premio de 150€
  • Dous accésits de 75€

O premio único estipulado para os participantes na categoría de Arcos florais é un lote de libros por valor de 120€.

O xurado estará formado por persoas relacionadas coa organización da festa e representativas da vida social e cultural do Barco de Valdeorras, cuxo fallo inapelable darase a coñecer no propio recinto festivo antes das 19:00 horas, segundo se establece nas bases do concurso.

Inscricións

A concelleira de Cultura convidaba a participar nesta celebración e concretaba que as inscricións xa poden realizarse a través da ligazón https://forms.gle/nzwccGWuD6qrSSYn6

Outra opción é inscribirse de forma presencial no Departamento de Cultura do Concello. O prazo para poder participar no certame estará aberto ata o vindeiro 29 de abril ás 13h.

 

 

 

Back to top button