EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntase o proxecto “Competitividade 4.0: Ribeira Sacra”, que impulsa a formación turística especializada e sostible

Está promovido polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra no marco do seu Plan de Sostibilidade Turística

 

Esta mañá presentábase en Monforte de Lemos o proxecto “Competitividade 4.0: Ribeira Sacra”, unha iniciativa impulsada polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra.

A xornada reunía a representantes de diversas empresas e servizos do sector turístico do territorio, co obxectivo de dar a coñecer esta proposta que nace cunha premisa clara: “deseñar accións formativas especializadas, reais e adaptadas ás necesidades das empresas locais. Para iso, o proxecto parte dun estudo participativo que recolle directamente a opinión, os retos e as inquedanzas do propio tecido empresarial”.

Un dos puntos máis salientables esta iniciativa é a importancia de escoitar aos empresarios para proporcionarlles recursos realmente útiles, facer seguimento individualizado da formación e titorizar onde sea preciso. Este proxecto, en palabras da empresa que se encargará de organizar os cursos “non vai de facer formación por facela. Vai de escoitar, acompañar e poñer as ferramentas onde realmente se precisan”.

Durante a sesión fíxose especial fincapé na importancia das empresas do sector como motor do territorio, poñendo en valor o seu papel fronte aos novos desafíos do sector: desde a substitución xeracional, a dixitalización ou a profesionalización, ata a aposta decidida por un modelo de turismo máis sostible, próximo e respectuoso coa contorna.

Tamén se compartiu unha calendarización tentativa de pequenas charlas en liña, como complemento adicional ás formacións, e anunciouse que a principios de xuño abrirase o prazo de inscrición para as primeiras accións formativas gratuítas resultantes do proxecto.

As empresas que aínda non participasen poden facelo a través do cuestionario dispoñible en liña na web do Consorcio (https://turismo.ribeirasacra.org/es/noticias/competitividad-4.0-ribeira-sacra) . Toda a información do proxecto canalízase a través do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Back to top button