ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Preséntase o proxecto “OU-Intelixente. A provincia da auga” en Valdeorras, comarca pola que empezará a súa posta en marcha

Os concellos da comarca serán os primeiros dos 81 municipios ourensáns do proxecto, que suporá a instalación de telecontadores e a dixitalización dos sistemas de abastecemento e depuración

 

Dispor de datos de maneira continuada, de moitos parámetros e dispoñibles non só para os que manexemos o sistema, senón que estean a disposición dos concellos e dos cidadáns para calquera decisión que precisen tomar. Por iso aposta o proxecto “OU-Intelixente. A provincia de Auga”, que se presentaba na mañá deste 25 de setembro na Casa Grande de Viloira (O Barco), coa asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, así como do director técnico do Consorcio de Augas de Valdeorras, Javier Bobé; da deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, así como do resto de alcaldes desta comarca e de concelleiros da mesma.

Este proxecto, un orzamento que supera os 13 millóns de euros, aposta por dixitalizar o ciclo da auga dos concellos de menos de 5.000 habitantes, se ben tamén se lles ofertou a posibilidade de participar nel a poboacións da provincia de menos de 20.000 habitantes. Serán un total de 81 os que entrarán. A iniciativa conta cunha subvención por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco, ao ser seleccionado en novembro de 2023 na primeira convocatoria urbana do PERTE de dixitalización do ciclo da auga con fondos Next Generation, sendo o mellor valorado de Galicia e o segundo a nivel nacional) e o resto apórtao a Deputación de Ourense (case 6 millóns de euros, o 42,52%  do total do investimento).

“É un día importante para a provincia porque ese proxecto consideramos que é estratéxico, xa que imos estar á cabeza no ciclo da xestión da auga e teremos un control total e moderno do que é un elemento estratéxico. Cada día a auga é un ben máis escaso e nós temos a sorte de ter aínda bastante auga, polo tanto, fagamos deste recurso o noso petróleo, coidémolo, non despilfarrando, non contaminando e xestionándoo da mellor forma posible. Por iso creo que este proxecto é dunha utilidade tremenda”, dicía o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

 

 

Así mesmo o presidente provincial lembraba que “na miña toma de posesión dixen que Valdeorras ía ter un tratamente especial, por iso establecementos a sede permanente e vimos periodicamente aquí a manter reunións de traballo, con alcaldes e entidades”, engadía. “Isto estase cumprindo, é a cuarta que facemos en pouco máis dun ano. Polo tanto, estou cumprindo a miña palabra. Ademais, cando traes realidades como a de hoxe non é de maneira casual. O Perte da auga foi anunciado pero a primeira vez que se concretan cifras por concellos, por comarcas, por tipo de actividades, polo que se vai facer en contadores intelixentes individuais, na sensorización de captacións ou de tratamentos de augas residuais ou no centro que se vai ubicar en Ourense, na sede do antigo Inorde, facémolo en Valdeorras. Ningunha comarca sabe con ese grao de concreción cales van ser as actuacións nin os investimentos que se van facer, como sabedes vós hoxe aquí”.

E matizaba que a primeira volta de actuacións e a gran volta vaise facer antes de finais de ano, “co val vades ser os primeiros que desfrutedes dunha tecnoloxía e dun tratamento dun ciclo integral da auga que nos coloca á cabeza”. En Valdeorras (concellos da Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras) investiranse 3,3 millóns de euros.

Menor lembraba tamén o traballo “dos que me precederon e implementaron este proxecto, eu xa o collín en marcha, e logo si que facemos a aposta e o esforzo por complementar este financiamento, pero este é un proxecto de moita xente e coa que a provincia gana. Ademais supón unha clarísima cooperación cos concellos porque pasamos a ter unha xestión do ciclo integral da auga, dende a súa captación á súa distribución e a súa depuración, de primeiro nivel”.

 

 

Neste acto celebrado en Viloira cos concellos, pretendíase darlles a coñecer “o estado de execución dun proxecto, o do Perte da Dixitalización da Auga, que vos explicamos anteriormente no Centro Marcos Varcárcel cando só era unha idea que tratabamos de sacar adiante”, sinalaba ao inicio da presentación o director da Área Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe. “O traballo feito ata agora é bastante arduo e aínda non se ve, pero queremos explicalo porque a partir deste momento empezará a ser visible en Valdeorras, pola relación que a Deputación e a propia AquaOurense coa comarca ten a través do Consorcio de Augas, xa que aquí o coñecemento que temos dos servizos do ciclo hidráulico vai máis alá da que nos dan o resto dos concellos respecto dos seus sistemas de abastecemento. No consorcio xestionamos os sistemas de depuración e tamén é quizais a zona da provincia onde máis investimentos se tocan nestes tres servizos do ciclo hidráulico”.

 

 

Bobe tamén resaltaba que máis alá do investimento que se fai realizar, “afrontamos un déficit fundamental na xestión dos servizos, todos os que tedes responsabilidades nos concellos e tomades decisións necesitades información e asesoramento e para que a vosas decisións sexan acertadas é preciso que eses datos que os técnicos vos temos que trasladar sexan correctos e, para iso, a parte da formación que se nos presupón a cada un de nós, é fundamental ter información. E disto trata esencialmente este Perte da Dixitalización da Auga, de ter datos”. E concluía sinalando que parte da infraestrutura do proxecto non será visible nin aprezable pola sociedade, pero “facilitará este labor para que os responsables políticos poidades tomar as decisións máis acertadas no día a día”.

 

 

 

A continuación, Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense (empresa mixta que Deputación de Ourense ten con un socio tecnolóxico que é Viaqua) expoñía o proxecto, os seus obxectivos e concretamente que se vai facer en Valdeorras. Así catro son os principais obxectivos desta iniciativa: a automatización do ciclo da auga coa implantación de telelectura e telecontrol, a creación dun centro dixital para a xestión integral da operativa da auga, dotar aos concellos do rural de ferramentas dixitais e ter un Hub tecnolóxico, onde integrar datos e realizar predicións grazas ao Big Data e Intelixencia Artificial.

 

 

Isto implicará a dixitalización das instalacións, é dicir, a substitución dos contadores actuais e a instalación de sensórica e equipos que permitan controlar en todo momento a cantidade e calidade do vertido das instalacións. O custo dos contadores será asumido polo proxecto, pero, no caso de ter que realizarse obra civil para esa instalación, esta deberá ser sufragada polos veciños, xa que “non se sufragarán as instalacións dun particular”, matizaba Comesaña. Nun principio cífranse en 42.000 os novos contadores que se colocarán e de cuxo mantemento se ocupará “AquaOurense ata o 2030”. Con eles, “os concellos poderán saber en todo momento como está o seu parque de contadores”.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button