O proxecto S1/2.4/E0022 USE4FOREST, impulsado polo Eixo Atlántico dentro do programa europeo Interreg Sudoe 2021-2027, presentábase está mañá no Viveiro de Empresas do Barco. Este programa busca desenvolver unha experiencia piloto de “cortalumes produtivos” na parroquia de Alixo (O Barco), que servirá como ferramenta para a prevención de lumes forestais. No seu marco levaranse a cabo un conxunto de tarefas de xestión integral de parcelas forestais para a súa recuperación e a posta en marcha de novos modelos de aproveitamento micolóxico e silvícola e tamén de formación, que se desenvolverá de abril a xuño de 2026.
No marco do proxecto, o Concello do Barco pon á disposición do proxecto un espazo no Viveiro de Empresas para que todos os interesados adquiran a capacitación laboral necesaria que lles permita realizar os diferentes aproveitamentos forestais. A formación incluirá cursos de formación teórico-prácticos das seguintes materias: emprendemento e revalorización rural (online), micoloxía, replantación forestal de castiñeiros, cultivo de plantas aromáticas e medicinais, iniciación á apicultura e silvopastoreo e produción animal. Dita formación está aberta tanto a persoas que dispoñan de terreos, como a quen queira iniciarse neste tipo de actividades.
O proxecto tamén conta co apoio da Deputación de Ourense na adquisición de ferramentas, subministros e material agrícola e forestal, ademais da xestión do servizo de labores de acondicionamento e preparación dos terreos cedidos por este Concello.

No acto de presentación, ademais do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, tomaban a palabra o deputado de Dinamización do Medio Rural da Deputación de Ourense, Xosé Miguel Pérez Blecua, e o responsable do Departamento Agrotech de Sinerxia, Pablo Condo.
“Imos cambiar os eucaliptos por outros aproveitamentos forestais que lle dan título ao nome do proxecto, “Cortafogos produtivos”, coa idea de intentar xerar actividade económica máis alá de evitar os incendios, que se xere un rendemento”, dicía Pablo Condo. Así mesmo explicaba que este proxecto propón “unha metodoloxía de xestión completa, implementando novos modelos de aproveitamento que busquen a restauración e consolidación do terreo, así como a formación de novo persoal profesional, que ocupe novos postos de traballo, desembocando na fixación de nova población e na revalorización do territorio”. Tamén se refería aos contidos dos cursos, que serán impartidos por profesionais especializados nas diferentes temáticas que se imparten.
Polo de agora, hai xa vinte persoas inscritas para o primeiro dos cursos, que comezará o vindeiro luns. “Son cursos eminentemente prácticos. Para ode micoloxía hai moito interese e a posibilidade de matricularse está a través da plataforma e en calquera momento pódense ir anotando”.

Pola súa banda, Xosé Miguel Pérez, comentaba que “este tipo de iniciativas son máis que necesarias porque hai un abandono total do monte e o único que non arde é o que está produtivo. E en Valdeorras hai unha cuestión que é que en 10-15 km temos 2.000 m de desnivel, polo tanto temos tres climas distintos (mediterráneo, atlántico e de alta montaña), polo tanto nun marco de cambio climático temos un laboratorio perfecto para probar e facer este tipo de actuacións”. E matizaba que este programa está pensado para que a xente veña ao rural e, ademais se instale no rural para vivir del.
Pola súa banda o alcalde do Barco, expresaba o seu agradecemento a Pablo Condo de Sinerxia e á Deputación, “que sempre está aí apoiando e tamén ao Eixo Atlántico por ter apostado por este concello”. Alonso incidía na importancia de “poñer en valor o rural” e de “fixar poboación, especialmente, coa intención de crear e de apostar por que o rural ten o futuro, son os que van ser moito mellor benvidos. E a parte pensar que o curso ten un fin último, a parte doutros beneficios, temos clarísimos que onde está traballo o terreo o lume non chega ou polo menos fai de cortalumes. E así se demostrou o pasado verán co viñedo”.
Máis información e inscricións en:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScAkAThOi_gX8II-QnReTmz-rAuf_cGp-dhJJaoYw3F2OfNUg/viewform
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
