“Repil 20 de abril de 1949”. É o título dun ensaio colectivo, editado polo arqueólogo Xurxo Ayán e pola poeta Olga Novo, que vén de ver a luz da man de Edicións Poitivas. Son máis de 300 páxinas dun traballo que vai “directo ao estómago e ao corazón”, en palabras de Ayán, que adianta os seus contidos: “Ciencia Cidadá. Historia Pública. Arqueoloxía Comunitaria. Arqueopoética”.
O volume aborda o acontecido na década de 1940 na denominada Casa dos Guerrilleiros, en Repil (A Pobra do Brollón). Este lugar convertíase en refuxio temporal para un destacamento da guerrilla antifranquista. Unha ocupación que remataba repentinamente o 20 de abril de 1949, data na que a Garda Civil rodeaba a vivenda. Os guerrilleiros que a ocupaban eran tiroteados e a familia propietaria da casa, detida.
A presentación desta obra está prevista para o vindeiro 28 de xuño no mesmo lugar que dá título ao volume, Repil, será ás 17:30h. e no acto, ademais dos editores, estarán Ana Cabana e Santiago Macías.
