Un total de 118 nenos e nenas dos centros de Educación Primaria do Barco de Valdeorras, asisten na mañá deste mércores día 7 de outubro, ao Funtastik no Limits Ourense 2026, unha proposta que combina deporte, diversión e experiencias no recinto de Expourense destinadas especialmente ao público infantil e familiar.
Recibidas as 180 entradas gratuítas que a Deputación de Ourense puxo a disposición do Concello do Barco para asistir entre os días 5 e 8 de outubro, estas ofrecéronse a todos os centros de educación primaria do municipio. Deles, o CEIP Condesa de Fenosa, con 44 prazas; o CEIP Julio Gurriarán, con 37 prazas; e o colexio Divina Pastora, con 37 alumnos, son finalmente os participantes nesta actividade.
Un total de tres autobuses, dispostos polo Concello, levaron á rapazada ata a capital ourensá para asistir á actividade proposta. Ás 8:30 horas partían das inmediacións do CEIP Condesa de Fenosa para acceder ás instalacións ás 10 horas e gozar das actividades ata ás 14 horas, e regresar despois ao Barco.
Durante a súa visita, participarán en diferentes propostas de carácter lúdico e deportivo, entre as que se inclúen inchables de salto adaptados a diferentes idades, circuítos de inchables, con probas físicas e retos de superación, espazos temáticos con xogos interactivos e sala de construción, e un carrusel.
Fotos cedidas.