Cunha directiva renovada no club e o Trofeo Federación Luis Vera Moreno correspondente á 4ª xornada da liga galega de sala, regresaba a competición de tiro con arco ao Barco de Valdeorras.
A proba desenvolvíase na fin de semana do 29 e 30 de novembro no pavillón municipal de Calabagueiros coa participación duns 180 arqueiros de clubs de toda Galicia e tamén da provincia de León. Comezaba o sábado pola tarde coas tiradas das categorías base na modalidade de recurvo: Prebenxamín home e muller, Alevín home e muller e Sub15 home e muller; ademais de Veterano (+50) home e muller para a modalidade tradicional e longbow coa entrega de trofeos ao rematar, por parte do alcalde do Barco, Aurentino Alonso.

E xa o domingo pola mañá era a quenda das modalidades de arco recurvo e composto para as categorías Sub18, Sub21, Sénior e Veterano coa correspondente entrega de medallas, con varias para arqueiros de Valdeorras. Sandra Azevedo (GEM Águilas Verdes) e Cristina Delgado (Arqueiros do Sil) eran segunda e terceira respectivamente en composto sénior; e Luis Domínguez (GEM Águilas Verdes), segundo en composto +50.
“Aínda que non sexa a tirada internacional que se celebraba e que confío en que retomen, é tamén unha proba importante a nivel galego, polo que dende o Concello dámosvos as grazas por recuperar esta actividade”, dicía o alcalde, Aurentino Alonso, ao presidente e secretaria do club, Rubén Ramos e Lourdes Cuenca.

Fotos cedidas.