
O Concello do Carballiño colabora na 27ª edición da Convivencia Familiar de persoas con discapacidade intelectual, organizada por Special Olympics Galicia e que terá lugar este domingo no Parque Municipal. Preto de 700 persoas, entre usuarios, familias, directivos, profesionais e voluntarios, desfrutarán dunha xornada de confraternización, diversión, visibilidade e intercambio de experiencias. As orixes desta cita tan especial remóntanse aos inicios dos anos 90, cando se comezou a organizar da man de Fademga Plena Inclusión Galicia.
O Parque Municipal acollía o acto de presentación do evento, no que a concelleira de Servizos Sociais, Silva Baranda, destacou o “orgullo” de acoller no Carballiño unha celebración tan importante. “As persoas con discapacidade non teñen moitos programas de lecer, e esta xornada é para iso, para que desfruten eles, as familias, a veciñanza…”, apuntou.

A Convivencia arrancará a primeira hora da mañá e incluirá actuacións musicais, xantar, entrega de medallas e os tradicionais Concurso de Repostería e os campionatos de xogos de mesa. Baranda aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración das entidades colaboradoras (Deputación de Ourense, Deputación de Lugo, Fademga e Aspadisi), das outras concellerías implicadas (Servizos Públicos e Medioambiente) e dos corpos de seguridade.
Pola súa parte, a deputada María Teresa Barge asegurou que esta cita é “prioridade absoluta” do goberno provincial. Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia, apuntou os moitos beneficios deste tipo de eventos, non só para as persoas con discapacidade, senón tamén para os seus familiares. Ademais, recalcou a importancia de “visibilizar” a realidade da discapacidade e de reivindicar melloras: “Só queremos que os nosos fillos poidan vivir como calquera outro cidadán”.

Fernández adiantou os nomes dos dous homenaxeados este domingo, en agradecemento á súa implicación co colectivo. “Entregaremos unha medalla póstuma a Enric Blesa, director xeral de Special Olympics España, e outra medalla ao exalcalde Argimiro Marnotes, que nos abriu as portas do Carballiño para levar a cabo actividades para persoas con discapacidade”, detallou.
Manuel Amil, vicepresidente de Aspadisi, agradeceu a implicación do Concello do Carballiño, que fai posible esta “emotiva xornada” na que os participantes desfrutan da convivencia, da música e das actividades.
Na presentación tamén estiveron presentes a presidenta de Aspadisi, Josefa Rodríguez; as concelleiras Rosa Fuentes, Lorena Castro e Elvira Torres, e representantes da Garda Civil e de Cruz Vermella.