
Expourense pecha esta tarde a undécima edición de Previsel, o Salón de Prevención e Seguridade Laboral, que abriu as súas portas na xornada de onte da man da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, para ofrecer ao público máis de 40 actividades orientadas á prevención de riscos en distintos sectores. “O noso firme obxectivo é seguir a reducir os accidentes no traballo e as enfermidades profesionais”, subliñou. No acto de apertura tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Cruz, e a presidenta do Comité Asesor da feira e directora do Issga, Adela Quinza, así como representantes do padroado de Expourense, entre outros.
Máis de 40 expositores concentráronse nas instalacións do recinto feiral coa idea de visibilizar a unión dos esforzos de todos os axentes implicados na prevención para loitar contra a sinistralidade laboral. Deste xeito, todos aqueles que aínda desexen visitar hoxe ata as 14.00 horas o salón poderán descubrir as últimas novidades en normativas e servizos vencellados a esta área da man da Administración Pública, asociacións empresariais, empresas, sindicatos, equipos de emerxencia e colexios profesionais.
Nesta ocasión, o evento aposta pola especialización dos profesionais de sectores específicos como o personal sanitario, os mergulladores, os profesionais do sector dos froitos secos e oleaxinosos ou os traballadores dos balnearios. Asimesmo, o sector primario tamén estivo presente a través do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense e da Consellería de Medio Rural, que impariron charlas sobre a manipulación e aplicación dos produtos fitosanitarios.
Outra das actividades máis atractivas tamén se celebrou na xornada de onte da man da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). Trátase dunha charla sobre o emprego de drons no ámbito da seguridade e o control de riscos, que incluiu unha exhibición cos dispositivos aéreos.
Tamén houbo outras actuacións como unha mesa redonda sobre a actualización da normativa das incapacidades temporais ou unha xornada formativa sobre as funcións do delegado de prevención na empresa, impartida por Comisións Obreiras (CC OO).
Na parte expositiva, o salón contou cunha mostra dos distintos tipos de corpos que operan en Galicia correspondentes a Protección Civil e Servizos de Extinción de Incendios, ademáis de vehículos e maquinaria de Intervención da Deputación de Ourense e da Consellería de Medio Rural.
Para finalizar a edición deste ano, ás 12.00 horas terá lugar un seminario de prevención no sector primario dirixido a profesionais vencellados ao sector dos froitos secos. Está organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Issga. Previsel pechará as súas portas hoxe ás 14.00 horas.