Cun espectáculo de ilusionismo, viño valdeorrés e petiscos, arrincaba ‘Entre Covas’, o I Festival de Artes e Enoturismo promovido pola Ruta do Viño de Valdeorras co apoio de Turismo de Galicia. Facíao na tarde-noite do venres 20 de xuño cunha velada única de maxia e gastronomía na emblemática Cova da Xabreira, en Seadur, Larouco.
O protagonista da noite era o recoñecido ilusionista Joshua Kenneth, que presentou un espectáculo sorprendente nun escenario singular como é unha antiga cova de viño, dando como resultado unha experiencia íntima e exclusiva.

E tralo espectáculo, era a quenda da cata de tres viños e unha degustación de aperitivos que rende homenaxe aos produtos e sabores da comarca cunha táboa de embutidos de Valdeorras; queixos galegos con mel de Seadur; marmelada de pementos asados; paté de berenxenas; empanada de carne; lacón á galega; melón con xamón; e cañitas de crema pasteleira.
‘Entre Covas’ é unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio vinícola, artístico e cultural da comarca a través de propostas culturais inmersivas. A seguinte cita será o venres 18 de xullo na Rúa coa participación das covas de tres adegas asociadas á Ruta, cunha proposta itinerante: Adega Melillas, na Coroa; e Joaquín Rebolledo e Alán de Val, nas Pinguelas cun recital musical a cargo de Carmela e degustación de viños e petiscos.


Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.