
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de dar un paso adiante no seu compromiso coa innovación, coa primeira reunión de traballo do recen constituído Nodo de Innovación, ao abeiro do novo Decreto de creación da Rede de Nodos de Innovación do Servizo Galego de Saúde, publicado o pasado mes de abril, que establece formalmente a composición, organización e funcións destes órganos nas sete áreas sanitarias, coordinados pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)
O Nodo de Innovación é un espazo de encontro e dinamización para impulsar proxectos innovadores no ámbito sanitario, promovidos tanto por profesionais, como por pacientes e asociacións. Ten por misión detectar as necesidades para mellorar a vida dos pacientes e a asistencia; facilitar a transferencia de boas prácticas entre áreas sanitarias e axilizar a xestión dos proxectos innovadores, reducindo a burocracia e favorecendo o financiamento.
Silvia Á. Paradelo, directora de Procesos de Soporte da Área Sanitaria de Ourense, responsable das áreas cirúrxicas, así como investigación e innovación, é tamén a súa coordinadora: “un nodo de innovación non é máis que un grupo de profesionais destinados a fomentar, divulgar e potenciar o desenvolvemento de proxectos de innovación” explica.
Trátase, subliña a doutora Paradelo, de abrir a porta á participación de todo o ecosistema sanitario, incluíndo a todas as profesións; persoal sanitario, non sanitario, técnico, de xestión e administración, sen esquecer o papel activo dos pacientes.
Equipo multidisciplinar
O equipo constitúe un grupo multidisciplinar que integra tanto profesionais da atención hospitalaria como da atención primaria, nun esforzo por aproveitar a diversidade de coñecementos e experiencias para transformar a asistencia sanitaria, contando e captando para este obxectivo cunha rede de colaboradores, da propia institución sanitaria, así como colaboradores externos, como persoas doutras institucións, coas cales a Área Sanitaria ou o Servizo Galego de Saúde manteñan acordos ou convenios de colaboración.
O Nodo de Innovación da Área Sanitaria de Ourense está composto na actualidade por trece profesionais. A súa composición aínda non está pechada, polo que a coordinadora espera que, nas vindeiras semanas, poidan sumarse novos integrantes, enriquecendo o grupo con novas perspectivas e coñecementos. Os actuais membros son:
- Cristina Margusino Framiñán, médico de familia do Centro de Saúde de Toén
- Gracia Rodríguez Feijoo, xefa do servizo de Cirurxía Vascular do Hospital Universitario de Ourense
- Francisco Javier Tombo Guerner, xefe de servizo de Xestión de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras
- Marta Maes Carballo, facultativa de cirurxía xeral e do aparello dixestivo do Hospital Público de Verín
- Alexandre García Caballero, facultativo do Servizo de Psiquiatría, do Hospital Universitario de Ourense
- Mohamad Al Rifai Al Masri, facultativo do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Universitario de Ourense
- Miriam Vázquez Campo, profesora da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense
- Keith Albert Foo Gil, médico de familia do Centro de Saúde de A Cuña-Mariñamansa
- Sandra Pardo Seoane, médica de familia do Punto de Atención Continuada de Ourense
- Esther Pérez Álvarez, Supervisora de Área de Formación e Delegada da ACIS na Área Sanitaria de Ourense,
- Mario Gutiérrez Feijoo, xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario de Ourense
- Lois López Gutierrez, subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Ourense,
- Juan Lojo Rodríguez, xefe do servizo de Coordinación Recursos Humanos e TICs da Área Sanitaria de Ourense

- Primeira reunión e folla de ruta
A primeira reunión do Nodo serviu para analizar o decreto de constitución da rede, organizar a programación de traballo e definir o calendario de reunións periódicas. Ademais, fíxose fincapé nos proxectos xa en marcha, como os seleccionados como finalistas nos V Premios de Innovación do Sergas, que se celebrarán o 30 de setembro.
De cara ao futuro inmediato, o Nodo de Innovación prevé realizar unha presentación pública no mes de outubro, aberta a toda a área sanitaria. Nese acto daranse a coñecer os integrantes do equipo, así como as liñas estratéxicas de traballo para os vindeiros anos. Tamén se explicarán os mecanismos polos que profesionais e pacientes poderán propoñer novas iniciativas.
Para a súa coordinadora, o obxectivo do Nodo é claro: “facilitar que unha área sanitaria como a nosa, ademais de ter un presente baseado na actividade asistencial e na calidade desa actividade, teña un futuro marcado polos proxectos de innovación e investigación que xa se están a desenvolver”.