
Do 25 ao 27 de maio o equipo de Bacharelato do colexio Divina Pastora-Franciscanas de Ourense viaxaba ata a cidade de Logroño para representar a Galicia na fase nacional do Concurso AVATar, unha iniciativa promovida pola Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO), que reúne anualmente os mellores proxectos de estatística escolar de todo o Estado.
O equipo, composto por Samuel Sánchez, Samuel González, Laura González e Pablo Ramos e acompañado polas súas profesoras titoras Pilar Corbal e Pilar Rodríguez, acadou o primeiro posto nacional na categoría C (Bacharelato) co seu traballo ‘O lado escuro do mel’.
Tal como explican dende o centro escolar, este proxecto desenvolvido en colaboración coa Universidade de Vigo, partía dunha pregunta científica concreta, ¿como afecta o calor á calidade do mel? Para dar resposta, o alumnado realizou análises de laboratorio sobre vos niveis de HMF (hidroximetilfurfural), un composto que aumenta coa temperatura e serve como indicador da degradación do mel. “Completaron a investigación cun estudo estatístico e unha modelización matemática para entender a evolución do composto en distintas condicións térmicas. A combinación de metodoloxía científica, análise de datos e aplicación práctica fixo que o proxecto destacase tanto na fase autonómica como na estatal”, indican.

Durante os tres días da fase nacional en Logroño, o equipo participou en xogos matemáticos, actividades educativas con alumnado doutras comunidades e unha visita cultural polos lugares máis emblemáticos da cidade. “A experiencia foi tanto un recoñecemento ao traballo realizado como unha oportunidade para convivir, aprender e compartir con estudantes de toda España”, aseguran.
Franciscanas Ourense no Concurso AVATar
Este equipo xa fora recoñecido como gañador da fase galega do certame, organizada pola SGAPeEIO, onde participou xunto con outros dous equipos do centro na categoría A (2º da ESO). Nesa fase autonómica, o grupo formado por Diego Barato, Noel Serantes, Martín Varela e Daniel Gil obtivo o segundo posto co proxecto ‘Viña a por pan e leveime medio supermercado’, no que analizaron, a través de enquisas e tratamento estatístico, os hábitos de compra e o impacto do márketing na adquisición de produtos non previstos.

Pola súa banda, Antía Garriga, Sheila Prieto, Daniela López e Sara Ramos recibiron unha mención polo seu traballo ‘IA machista’ no que investigaron como os modelos de intelixencia artificial para creación de imaxes perpetúan estereotipos de xénero, baseándose en experimentos e análises estatísticas.
O resultado en Logroño “foi unha grande alegría para toda a comunidade educativa das Franciscanas de Ourense, e unha recompensa ao esforzo, á constancia e ao traballo ben feito”, aserguran orgullosos desde o centro, destacando que esta experiencia “reforza a importancia de fomentar a curiosidade, o pensamento crítico e o uso da estatística como ferramenta para comprender mellor o mundo que nos rodea”.
Fotos cedidas.