
Despois das primeiras chuvias deste outono, xa empeza haber problemas no abastecemento de augas dalgúns núcleos de poboación do municipio do Barco, como consecuencia dos arrastres das superficies queimadas durante os incendios forestais de agosto. Os regatos veñen cheos de sedimentos queimados e isto está pasando ás captacións das aldeas, polo que xa non dispoñen de auga potable, explica o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, que tamén matiza que eses subministros están xestionados polas propias aldeas.
Neste senso, dende o Concello do Barco xa se lle solicitou ao Consorcio de Augas de Valdeorras que se realicen analíticas e controis desa auga. “Tamén pedimos que se habiliten fontes ou puntos de subministro, conectados á traída do Barco, como os que se instalaron durante os incendios en Viloira e no polígono, que poidan ser utilizados pola veciñanza para coller a auga que precisen”, sinala o alcalde.
En concreto, o Concello solicita dous puntos de subministro, un que podería estar na zona da avenida do Bierzo para que puidera atender á localidades como Vilanova ou Forcadela e outro pola zona de Veigamuíños. Estas son polo de agora as dúas partes do municipio máis afectadas xa que, no que respecta ao subminitro do Barco, non se ve afectado posto que os incendios non tocaron a súa captación.