
A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado nos concellos con territorio dentro dos espazos protexidos de Galicia para paliar as consecuencias dos lumes do 2025.
Esta iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, busca que “o persoal voluntario colabore no desenvolvemento dunha serie de actuacións coa finalidade protexer os terrenos devastados polos lumes neste verán de 2025 naqueles concellos con territorio dentro dos espazos protexidos de Galicia”, segundo a Xunta. Realizaranse nunha ducia de concellos: A Veiga, Baltar, Beade, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Larouco, Manzaneda, Oímbra, Rubiá, Vilamartín e Vilariño de Conso.

Entre esas actuacións figuran o mulching (técnica que permite crear unha protección do solo empregando materiais, como a palla de cereais, e aplicala de forma manual nas áreas accesibles a pé) e a distribución e reparto de xeito manual de alimentos e auga para fauna.
A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de aloxamento e manutención, estando cubertas as persoas voluntarias cun seguro de accidentes e responsabilidade civil. “Os gastos de desprazamento ata o punto que se determine como “de queda” para cada quenda correrá por conta da persoa voluntaria, que terá que presentarse no devandito punto antes das 20:00 horas do primeiro día da quenda”, tal e como se informa dende a Xunta.
As persoas interesadas en inscribirse neste Programa de Voluntariado poden facelo escaneando o seguinte código QR, ou a través do formulario habilitado na páxina web www.voluntariadogalego.org
Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumpridos os 18 anos, residir na comunidade autónoma de Galicia e cumprimentar un formulario: https://voluntariadogalego.org/form/programa-de-voluntariado-para-ap
A primeira das quendas do programa comezará na Veiga o 11 de outubro.