
Protección Civil de Manzaneda dispón dun novo equipamento de comunicación para emerxencias, formado por un repetidor portátil e por tres emisoras. Trátase dun agasallo do radioafeccionado almeriense Juan Francisco Rubiá EA7IGU, quen contactou cun dos voluntarios da agrupación, José María Valladares, “e tivo a xentileza de doarnos este material, algo que agradecemos moito dende Protección Civil de Manzaneda porque nos vai ser de gran utilidade”, explica o responsable da agrupación, Clemente Pérez Arias.
Este equipamento será posto en funcionamento coa aportación do Club de Radioaficionados de Trives. A partir de agora este repetidor e os talkies serán usados nos diferentes operativos que leve a cabo Protección Civil de Manzaneda “e permitiranos ter unha mellor comunicación entre os voluntarios. É unha ferramenta moi útil e ten unha versatilidade moi importante neste terreo, o que nos permitirá máis axilidade de movemento e actuacion”.

