
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos de cara á tempada 2027.
En cada provincia realizarase un único sorteo, que incluirá os permisos de troita, reo, pesca intensiva e pesca sen morte. A data prevista para a realización do sorteo é o 14 de xaneiro de 2027.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir das 9 horas de mañá, e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de decembro ás 24 horas. Deste xeito, o 17 de decembro publicaranse as listas provisionais coas persoas excluídas e admitidas no proceso e o 30 dese mesmo mes sairán as definitivas.
As solicitudes deberanse presentar preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. Así mesmo, desde a páxina web de pesca fluvial da Xunta facilitarase o acceso á sede electrónica mediante unha ligazón directa. De forma opcional, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei de procedemento administrativo.
Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos. Ademais, para participar é preciso ser titular dunha licenza de pesca continental en vigor no momento de presentar a solicitude. Os resultados poderán consultarse na web de pesca fluvial e nos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Ademais, cada solicitante deberá consultar na citada páxina o día e rango horario no que lle corresponderá escoller os permisos.
Na fase de escolla dos permisos, os solicitantes poderán optar a participar empregando a vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o desenvolvemento do procedemento.
No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente. Nos casos nos que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, poderase xustificar o seu pago mediante o envío por correo electrónico da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado.
Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian á súa participación na fase de escolla, e non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. No caso de realizar o pagamento dos permisos reservados fóra do prazo establecido, habilitarase o acceso á aplicación informática na fase de venda libre.
O regulamento de pesca continental establece que se sortearán entre os pescadores que así o soliciten os permisos sobrantes, despois de adxudicados aqueles reservados para concursos deportivos oficiais e para entidades colaboradoras.