
Na edición deste mércores 15 de abril o Diario Oficial de Galicia publica a orde da Consellería de Sanidade do 31 de marzo de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas a oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais para o cal a Xunta destinará preto de 100.000 euros.
As axudas están destinadas a “compensar os gastos de funcionamento das oficinas de farmacia destas zonas especiais”. Tamén a “apoiar as contratacións de farmacéuticos adxuntos para as quendas de garda ou suplencias para as épocas de vacacións, realizadas no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026. Isto permitirá ás persoas titulares das oficinas de farmacia situadas en zonas farmacéuticas especiais exercer o seu dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares de oficinas de farmacia que se encontren localizadas en zonas farmacéuticas especiais e cuxo titular estea empadroado en calquera dos concellos da comunidade. Para resultar beneficiario destas axudas, a oficina de farmacia de que é titular deberá acreditar ter cumprido, entre outros, algúns dos seguintes criterios:
-Tratarse dunha oficina de farmacia situada nunha zona farmacéutica especial e que se atope en situación de viabilidade económica comprometida.
-Tratarse dunha oficina de farmacia que teña realizado o ano pasado gardas 365 días, sempre e cando teña acreditada en 2025 unha facturación por receitas oficiais do Sistema Nacional de Saúde inferior aos topes especificados para cada un dos supostos.
Co obxecto de facilitar a asunción dos custos de funcionamento das oficinas de farmacia, realizarase un pagamento único do 100 % da contía da subvención en concepto de anticipo. O importe máximo total da subvención por persoa beneficiaria para a totalidade do período a que se refire a subvención, incluíndo os gastos xerais de funcionamento de locais e de persoal, será de 18.000 euros/ano.
Accións que se subvencionarán
A subvención consistirá nunha cantidade fixa e predeterminada destinada a compensar os gastos xerais de funcionamento da oficina de farmacia: alugueiro ou asimilados, vinculados á dispoñibilidade do local da oficina de farmacia, limpeza, electricidade, auga, calefacción, seguridade, servizos de telecomunicacións, adquisición e mantemento do software necesario para levar a cabo os actos de prestación farmacéutica, gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, IBI do local da oficina de farmacia, cotas de colexiación, pólizas dos seguros relacionados coa actividade subvencionada e os gastos polos servizos das cooperativas de distribución de produtos farmacéuticos.
Tamén a subvención irá destinada a compensar os gastos correspondentes á contratación de persoal facultativo (farmacéuticos adxuntos ou suplentes) para o apoio das épocas de vacacións e/ou servizos de garda e as cotas de autónomo da persoa titular, comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
Para o suposto de que a oficina de farmacia cumpra máis dun criterio, o importe máximo total da subvención por persoa beneficiaria para a totalidade do período a que se refire a subvención, incluíndo os gastos xerais de funcionamento de locais e de persoal, será de 18.000 euros/ano.
Para a súa consideración como zonas farmacéuticas especiais, os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e a Consellería de Sanidade acordaron unha serie de criterios, entre os cales se atopan que a zona conte cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 e que dispoña dunha única oficina de farmacia; que todos os establecementos farmacéuticos da zona estean en situación de viabilidade económica comprometida ou, no caso das farmacias do rural, que non resulte posible a rotación de quendas de garda.
Prestación farmacéutica a toda a cidadanía
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia do 18 de febreiro a declaración de 29 zonas farmacéuticas especiais, que establece apoios e medidas específicas para facilitar a viabilidade das boticas rurais co obxectivo de garantir a prestación farmacéutica a toda a cidadanía galega, viva onde viva.
Para estes efectos, teñen a consideración de zona farmacéutica especial as da Gudiña, A Mezquita, A Peroxa, A Teixeira, As Nogais, A Veiga, Baleira, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Cervantes, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Bolo, Ourol, Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro, A Ribeira de Piquín, Samos, San Xoán de Río e Vilariño de Conso.
En total, trátase de 29 zonas, das que 18 corresponden á provincia de Ourense e 11 á de Lugo.