
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se aproba e se publica a relación provisional de aspirantes admitidos e excluídos no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Ofértanse un total de 25 prazas mediante o sistema de concurso, das cales 17 corresponden á quenda de acceso libre, 6 a promoción interna e 2 a discapacidade xeral. Neste proceso selectivo, resultaron admitidos 134 aspirantes, dos cales 129 accederon pola quenda de acceso libre, 2 pola de discapacidade xeral e 3 pola de promoción interna.
Este proceso selectivo convocouse en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.
Os aspirantes excluídos, ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación (o prazo remata o 26 de novembro de 2026), para presentar reclamación dirixida á mesma unidade de validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.