Parada de Sil rendía tributo neste 15 de novembro á tradición e a un dos seus froitos máis emblemáticos: a castaña. Multitude de persoas se congregaba na localidade de Purdeus para celebrar a XII Festa da Pisa da Castaña, unha recreación dun antigo labor que lle permitía á veciñanza desfrutar das deliciosas castañas desta zona da Ribeira Sacra máis alá dos meses do inverno. Dende o sequeiro (onde se afumaban durante preto dun mes) ata a degustación, o público podía seguir e mesmo participar no proceso tradicional da pisa para quitarlle a casca e a pel á castaña seca.

A celebración, que tiña como escenario unha aira á beira dun antigo sequeiro, comezaba ás 11:30h. coas intervencións das autoridades presentes. Abría o acto o concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Paco Magide, quen resaltaba a importancia da castaña e a aposta desta festa para poñer en valor a este froito e á súa cultura, así como o patrimonio natural e cultural que representa.
Deseguido interviña o presidente do Inorde, o tamén deputado provincial Rosendo Fernández, quen sinalaba que “o Inorde coopera con esta festa tan tradicional que pon en valor a castaña e a Parada de Sil en Purdeus, a colaboración e cooperación interinstitucional fai que os obxectivos se acaden máis facilmente e dunha maneira máis eficiente”. Tamén tomaba a palabra o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, quen remarcaba a singularidade e carácter tradicional desta Festa da Pisa, na que era a terceira vez que participaba.
Chan aludía tamén á iniciativa da Xunta de Galicia para tratar de recuperar os soutos tradicionais de castiñeiro. “O castiñeiro é unha especie importante non só economicamente e medioambientalmente e que ademais sempre tivo un arraigo especial na provincia de Ourense fronte a outras frondosas”. E nese labor mencionaba que en Parada de Sil hai “unha mostra desa colaboración entre a xunta e os propietarios, a Agrupación Forestal de Xestión Conxunta. O concello deulle un pulo, a Xunta implicouse na parte económica e de procedementos para poder constituila. Temos un investimento iniciado de máis de 380.000 euros no 2026 para adecentar eses soutos”.
Ademais o director xeral de Planificacion Forestal incicía en salientar neste proxecto o “liderado dos propietarios e dos veciños, que é o que fai posible recuperar a xestión activa do noso territorio, algo fundamental e que constitúe a mellor medida de prevención fronte aos incendios. Por iso temos que recoñecer o labor e capacidade de organización deses propietarios e animar aos veciños e aos concellos presentes a aproveitar a orde de axudas para crear agrupacións forestais porque entemos que é a forma de solucionar un problema estrutural grave como é o abandono da nosa natureza”.

Sobre a relevancia da castaña e do legado ligado á ela falaba tamén o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, que ademais felicitaba “a todos os alcaldes que a través das festas tradicionais van recuperando todo ese coñecemento que non se pode perder, porque ás novas xeracións están co internet e cunha uniformidade cultural. E con este tipo de eventos mantemos a esencia que nos define como pobo e como cultura”. Facía fincapé en que a beleza dos soutos “é froito do traballo de moitas xeracións temos que seguir traballando en conxunto as administracións e coa sociedade para que se manteña”.
Finalmente, o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, agradecía a presenza dos veciños e das autoridades presentes, entre elas o xefe territorial da Consellería do Medio Rural e alcaldes de concellos próximos. Ademais facía unha mención especial de agradecemento a súas veciñas: “ás dúas Amalias de Purdeus, que son as que fan posible que isto siga vivo grazas ao seu labor e implicación a prol da festa da pisa. Este ano Amalia, a titular do sequeiro non puido estar, pero mandou ao seu fillo Jorge que foi o encargado de apañar as castañas, de polas no sequeiro e de coidalas durante os 20 días para que puideramos facer a festa”.

Aquilino Domínguez explicaba as orixes desta celebración. “Xuntámonos nesta aira ao carón deste vello sequeiro para facer o que facían os nosos antergos nestas datas: secar as castañas para poder gardar as boas nas arcas e así poder ter comida ata os meses de maio ou xuño”. O rexedor de Parada de Sil lembraba que “a castaña sacou moitas fames daquela” e referíase á relevancia de “coñecer e conservar a memoria” xa que “é o que nos permite construír un futuro con máis acerto. O ano pasado facía referencia a que non eran épocas boas para este froito, pero eu coido que a través da Asociación de Propietarios de Soutos e da colaboración da Xunta de Galicia está a facerse un gran labor para e recuperar e pór en valor o souto tradicional e tamén para clasificar e almacenar o froito dunha maneira que permita a conservación para unha mellor comercialización, o que permitirá un máis alto prezo sen dúbida ningunha”.
Neste senso, o alcalde recordaba o respaldo do Concello a este proxecto, “traballamos xuntos coa asociación para conseguir unha clasificadora industrial, este ano a pesar da seca canalizouse a venda de 25.000 quilos aproximadamente a través da nave da castaña construída no seu momento pola Deputación de Ourense”. E seguía pedindo a implicación social na iniciativa. “Nesta causa que nos engloba a todos, veciñas e veciños, é moi importante estar todos xuntos e remar na mesma dirección para poder atallar as dificultades e atrancos que van aparecendo”. E concluía apuntando que o souto forma unha parte esencial da paisaxe da Ribeira Sacra, que “no 2026 se converterá en Patrimonio da Humanidade”.

E tras as palabras, dábase paso á tradición. Dende o sequeiro ían chegando os sacos coas castañas secas para comezar coa recreación da pisa. Unha vez alí, por quendas de catro persoas batían á vez sobre un tallo de madeira eses sacos nun ambiente festivo e animado pola música tradicional, ante a atenta mirada do público.
A continuación, os sacos íanse baleirando para dar paso ao abandoxado, outra fase na que se lle quitaba a segunda pel á castaña. Este froito, xa limpo, depositábase de seguido en cestos de madeira para que puidera ser degustado polos asistentes.

De forma paralela á pisa, poñíase en marcha nun souto próximo o Mercado Tradicional de Produtos, con gran diversidade de postos de gastronomía e artesanía: viños, queixos, chocolate, marmeladas, licores, aceite, doces… E, xa arredor das 14h., comezaba o xantar popular, nunha carpa instalada xunto ao mercado, cun delicioso menú (entrada de 15 euros) a base de cocido completo, lacón, cachucha, androlla, tenreira, orella e morro, acompañados de bica, viño mencía/godello da D.O. Ribeira Sacra, auga, café e chupitos. Esgotábanse as entradas e o xantar reunía a un total de 250 persoas.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.


