ConcellosÚltima hora

Quedan suspendidas temporalmente as queimas agrícolas e forestais de particulares dende mañá e ata novo aviso

Así o vén de anunciar a Consellería do Medio Rural, indicando ademais que "isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir da xornada de mañá"

 

A Consellería do Medio Rural  vén de anunciar que adoptou, “como medida preventiva, a suspensión temporal -desde mañá mércores e ata novo aviso- das queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia”. Quedan excluídas desta medida as queimas prescritas controladas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), que están debidamente planificadas e dispoñen dos medios de extinción precisos.

A medida preventiva adoptouse tras avaliar “a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tense ademais en conta que a normativa establece a suspensión das queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control”, segundo Medio Rural.

Asemade, a Xunta pide unha vez máis a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde mañá e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal por parte dos particulares. A maiores, a Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Back to top button