ConcellosEn portadaGalerías de fotosRubiáÚltima horaVídeos

Quereño (Rubiá) homenaxea ao historiador Antonio Castro Voces, un exemplo de superación e de amor pola súa terra

A Casa da Cultura desta localidade leva o nome deste investigador, que foi o seu cronista e recolleu nun libro a súa historia

 

A presenza de Antonio Castro Voces sentíase de xeito especial na tardiña do 24 de agosto na Casa da Cultura de Quereño (Rubiá), que dende hoxe leva o seu nome. Latexaba a través dos seus libros, pero tamén nas vivencias e experiencias que os seus amigos, veciños e familiares compartían nunha xornada de homenaxe a este apaixoado da historia valdeorresa e do seu pobo, do que destacaban a súa bondade, sabedoría, xenerosidade, humildade e afán de superación. Unha xornada que se iniciaba e culminaba co son da Banda de gaitas Aluveire, unha das moitas iniciativas que este historiador e gran dinamizador sociocultural, falecido o pasado xaneiro, impulsou na súa localidade natal.

O acto, promovido pola Asociación de Veciños Aluveire de Quereño, comezaba coas intervencións do investigador Isidro García Tato e do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco Trincado, quen lembraban a súa relación persoal e de amizade con Castro Voces, que foi membro de mérito do IEV e recentemente era nomeado Valdeorrés Ilustre. Ambos agradeceron a súa entrega ao IEV e a súa defensado patrimonio valdeorrés e iso, “pese as súas limitacións físicas, que supolían para ti un incentivo”, dicía Blanco Trincado, louvando o rigor e amenidade dos seus textos. Tamén comentaba que o IEV asume o compriso de editar, coa colaboración de García Tato e o apoio do Barco, a súa obra “Valdeorras, pueblo a pueblo”.

 

 

A continuación interviña un amigo de Castro Voces, Bruno Coca, que incidía en que “Antonio era o home que nunca se rendeu, foi un exemplo de superación, sempre mostrou unha actitude de fortaleza e esperanza, agarrándose con firmeza á vida, é dándonos unha lección”. Ademais proxectaba un vídeo dun xantar celebrado o 12 de outubro de 2013 en Toledo, no que Antonio Castro Voces reunía a persoal e amigos do Hospital Nacional de Parapléxico de Toledo, despois de que lle deran a alta tras seis meses de ingreso. Nese xantar, os participantes amosaban nas diferentes intervención o gran agarimo que sentían polo valdeorrés.

 

(Vídeo cedido)

Seguidamente, unha das presentes, Mati, daba lectura a unha emotiva carta escrita por Lucía, amiga moi cercana a Antonio Castro, quen por motivos de saúde non puido asistir á homenaxe. Na misiva cualificaba ao historiador como “un ser humano extraordinario”. Lembraba que “Toño tivo a sorte de ter amigos extraordinarios que nos seus últimos anos coidámolo, mimámolo e sobre todo desfrutamos moito del”.

 

 

A seguinte en tomar a palabra era a presidenta da Asociación Aluveire, Alma Rodríguez, quen compartía as súas lembranzas relacionadas co Castro Voces dende meniña, xa que detrás de todo tipo de actividades culturais, festivas ou deportivas, nas que se implicaba case todo o pobo, sempre estaba a súa man. Tamén lembraba a súa loita para construír o que hoxe é a Casa da Cultura, “todo o pobo unico abandeirado por Toño traballou e loitou para conseguila”. Despois chegaba o grupo de gaitas, que “penso que era do que máis orgulloso estaba. Grazas a este grupo estabamos forxando uns lazos entre nós que non se puideron romper”.

Ademais daballe ás grazas a Castro Voces “por loitar tanto polo noso Quereño e dicirche que sen ti sabelo, fixeches que este grupo de rapazas e rapaces nunca nos esquezamos de quen somos nin de onde vivimos e moi orgullosos levaremos o noso Quereño no corazón”.

 

 

Deseguido, o bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, resaltaba da figura do historiador valdeorrés a súa humanidade, humildade, fortaleza e espírito positivo, “deunos un fermoso exemplo como persoa”, destacando ao mesmo tempo o seu “amor pola tradición e polas persoas que a protagonizaron, así se condensa a alma dos nosos pobos, a súa sabedoría”. E aludía á súa valoración da cultura relixiosa, citando como exemplo a súa obra “El Santuario de las Ermitas, estudio histórico-artístico, económico, socio-religioso e educativo 1624-1990”.

 

 

Finalmente, en representación da familia, interviña Brais Lorenzo, sobriño de Castro Voces, de quen resaltou que “era unha persoa dun grandísimo corazón, non era capaz de dicir non a ninguén”. Percorreu tamén as iniciativas que promoveu a prol do seu pobo, ao que lle dedicou ao seu último libro, que lle levou moito tempo e esforzo. Referíase tamén ao amor que sentía pola súa familia, e o apoio que esta lle deu, apuntando ademais a estreita relación que tiña coa veciñanza cunha lembranza especial para algúns veciños que xa non están. “Nunca te esqueceremos Toño”, concluía.

 

 

O acto, que contaba con numerosos asistentes, entre eles os concelleiros de Rubiá Ignacio Doce e Raquel Méndez, así como o alcalde do Puente de Domingo Flórez, culminaba coa descuberta da placa que dá o nome de Antonio Castro Voces á Casa da Cultura. Placa que era bendicida polo bispo de Astorga. Despois os asistentes compartían unha petiscada.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Back to top button