Na estación de ferrocarril de Quereño (Rubiá) agardábase arredor das catro e media da tarde deste 5 de xuño unha visita moi especial. Facía parada un tren histórico no que viaxaba a veciñanza da localidade berciana de Toral de los Vados. Máis de 300 persoas, vestidas de época, que facían un traxecto non só xeográfico, senón, sobre todo, pola memoria e a historia deste medio de transporte que unía, a finais do século XIX, estas dúas zonas limítrofes: O Bierzo e Valdeorras.
No andén, numerosos veciños de Quereño, moitos deles tamén vestidos para a ocasión, agardábanos. Xunto con outros chegados de Toral e que se desprazaban en coche ao esgotarse as prazas da viaxe en ferrocarril. Unha vez chegaba o tren, comezaba unha celebración moi emotiva, na que, xunto ao edificio da estación se rendía tributo ao pasado ferroviario destas dúas localidades. Non faltaba tampouco a animación musical a cargo de dúas bandas de gaitas, unha das cales viña no tren, e a outra era Aluveire de Quereño.
Ademais tiña lugar un intercambio institucional de placas conmemorativas entre os representantes do Concello de Rubiá, o tenente de alcade Ignacio Doce e a concelleira Laura Iglesias; e o alcalde de Toral de los Vados, Alberto Quiroga. Ademais os representantes de Rubiá agasallaban aos visitantes con estuches de botellas de viño.
Despois, visitantes e veciñanza de Quereño desprazábanse ata a Casa da Cultura onde continuaba a celebración, cunha petiscada ofrecida polo Concello de Rubiá. Ás seis, a veciñanza de Toral volvía a estación para subirse novamente aos vagóns e emprender a viaxe de volta á súa localidade onde continuaban os actos do programa festivo do “Toral en Tren 2026”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
