Era unha historia que Christian Barrio Fernández non esperaba atopar “en ningún caso”. Unha etapa da vida da súa bisavoa, Manuela Valle, que ela decidía ocultarlle á súa familia, pero da que, en vida, ía deixando algunhas pistas dispersas e aparentemente inconexas “como se fosen as pezas dun quebracabezas que había que ir recompoñendo e onde a evidencia máis clara era a mina de volframio de Valborraz, da que ela falaba abertamente”. E, malia que a tarefa non resultaba nada doada, este historiador e xornalista barquense lograba reconstruíla, grazas a unha serie de casualidades e acontecementos que se foron dando “de maneira perfecta”.
Ese quebracabezas recomposto, supuxo toda unha descuberta para el e para a súa familia, e agora vén de transformarse nun libro “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”, que Barrio presentaba esta tarde de 23 de novembro nun concorrido salón de actos da Casa Grande de Viloira (O Barco).
Este acto iniciábase coa proxección do documental “Lobos sucios”, do director rues Felipe Rodríguez, e cun fragmento da entrevista que lle facía a Manuela Valle para este traballo. Na presentación, o autor do libro estaba acompañado polo propio Felipe Rodríguez, autor do epílogo; polo historiador Alejandro Rodríguez e do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco Trincado.
Na súa intervención, Christian Barrio detallaba como xurdía o interese pola figura da súa bisavoa e como se foi xestando a investigación do libro que hoxe recolle a súa etapa como fuxida na Ciudad de la Selva (entre xaneiro e xuño de 1939) e de convivencia de convivencia co guerrilla, nos montes de Casaio, e logo o tempo que pasou na cadea, onde daba a luz á súa primeira filla e de onde saía en setembro de 1942.
O punto de partida dese proceso era precisamente o documental “Lobos sucios”, que se estreaba no 2007, apenas un mes despois da morte de Manuela Valle. Daquela o historiador tiña dez anos, pero lembraba a emoción que sentían os seus pais, Rosana e Roberto, ao velo. Un filme que o marcaba e xa “daquela decateime de que non prestara demasiado atención ao que me contara á miña bisavoa e naceu en min un interese extraordinario pola súa figura”. Comezaba entón a pescudar e chamáballe a atención o gran baleiro que había nos anos da guerra e da posguerra.


No 2015 atopaba no libro “As mulleres do monte”, do tamén valdeorrés José Antonio Gurriarán, onde descubría que á beira da casa súa bisavoa producirase un tiroteo en xaneiro de 1939 no que morría un importante mando da Garda Civil. A partir de aí tiña a sospeita de que detrás diso había algo máis, pero “era pesimista e escéptico coa idea de descubrir o acontecido”. Pero, en plena pandemia, e mentres preparaba o seu primeiro libro, adicado ao seu avó José Barrio, topaba cun artículo de Alejandro Rodríguez no que aparecía o nome da súa bisavoa, á que se citaba como unha das mulleres fuxidas no monte e a data da súa detención: o 16 de xuño de 1939.
“Foi unha pequena luza entre a escuridade”, comentaba Christian Barrio, que a partir dese fío, comezaba a tecer o relato desa parte vital da súa bisavoa que resultaba toda unha sorpresa. Visitaba o Arquivo de Ferrol e o Arquivo Provincial de Ourense e tamén “mirei con outros ollos unha pequena base documental familiar de cartas e fotografías ás que lle fun dando sentido ao ler o que figuraba na causa do arquivo de Ferrol”.
E, ademais, recorría as gravacións da entrevista que Felipe Rodríguez lle facía a Manuela Valle anos atrás. Tamén explicaba na presentación as dificultades que supuxo a escrita deste libro e concluía reivindicando “o apego á familia, aos maiores, o afán clásico de ver a sabedoría das persoas anciás, o sentido de recuperar as bases familiares, sociais e colectivias. Millóns de historias pérdense cada ano coa morte de moitas persoas”. E nese senso poñía en valor o papel de profesionais como Felipe Rodríguez e Alejandro Rodríguez, nos que se apoio para desenterrar esta historia familiar, pero tamén valdeorresa e universal, hoxe feita libro.

O acto remataba coa entrega dun agasallo simbólico do presidente do IEV a Christian Barrio, mentres o animaba a continuar investigando, coa sinatura de libros e cunha petiscada ofrecida pola familia do autor aos asistentes.
Fotos e vídeos: O SIL.
