SanidadeÚltima hora

Quiroga acollerá unhas xornadas formativas para coidadores familiares

 

O Concello de Quiroga – a través do Centro de Día-, e a Asociación Afamon, organizan os días 15 e 22 de novembro unha actividade dirixida especialmente ás persoas coidadoras de maiores con deterioro cognitivo no ámbito familiar, pero tamén abertas ao público en xeral posto que como matizou o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, “ a todos nalgún momento nos tocará coidar a xente maior”.

A proposta de organizar unhas xornadas formativas xurdiu tras detectar a sobrecarga dos coidadores nas valoracións que se fan entre Afamon e o Centro de Día das persoas que acoden a esta instalación municipal. O obxectivo desta actividade que decidiron impulsar tanto a directora do Centro de Día, María Arias, como o concelleiro Xosé Manuel Fernández, é o de axudar aos familiares de persoas maiores con deterioro cognitivo a adquirir habilidades para levar mellor a sobrecarga física e mental que supón o seu desempeño como coidadores.

As dúas xornadas que se presentan na formación serán complementarias, con contidos diferentes a tratar en cada unha delas e abordando esta situación dende ópticas distintas. Deste xeito, o 22 do de novembro será María Lillo Montes, neuropsicóloga, quen achegará coñecementos e habilidades sobre o ‘Manexo de conduta en persoas con enfermidades neurodexenerativas’.

Para o 15 de novembro esta prevista unha sesión a cargo do traballador social Manuel Carballedo López, quen falará sobre ‘Recursos de apoio ao coidador de persoas con enfermidades neurodexenerativas’; pero, por motivos alleos á organización, tivo que ser aprazada e a data na que se celebrará está aínda por determinar.

Colaboran tamén no desenvolvemento desta actividade: FAGAL, Federación Alzhéimer Galicia, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e CEAFA, Confederación Española de Asociaciones de Familiares de Enfermos de Alzhéimer.

As xornadas, deseñadas e impartidas pola entidade monfortina Afamon, desenvolveranse na Casa da Cultura de Quiroga en horario de mañá, concretamente entre as 11 e as 13:00 h. Para informarse e inscribirse nas mesmas cómpre anotarse no teléfono 982 410 929 (Afamon), ou no do Centro de Día da Ribeira (Quiroga), 982 180 944; aínda que tamén se poderá acudir sen necesidade de inscribirse previamente sempre que queden prazas sen cubrir.

Artigos relacionados

Back to top button