Rosalía de Castro é un referente da lingua e da literatura galegas e a publicación do seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito do galego e o final de séculos de silencio e esquecemento. Ademais, esa mesma data de publicación foi instaurada pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas.
No marco do 23 de febreiro, data na que se celebra o ‘Día de Rosalia’ o Concello de Quiroga quere aproveitar a ocasión para lembrar a súa figura, obra e pensamento coa organización dunha charla divulgativa dirixida ao alumnado de Primaria do CEIP de Quiroga. A encargada de impartila será a escritora quiroguesa Celia Díaz Núñez e terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 10:15 h.
A devandita conferencia vai dirixira principalmente ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Quiroga, mais tamén poderá asistir público en xeral ata completar aforo.
A organización corre a cargo da Concellería de Educación, Infancia e Igualdade e da Concellería de Dinamización Lingüística; contando coa colaboración do CEIP de Quiroga e dos seus Equipos de Dinamización de Lingua Galega.
