CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Quiroga celebrará con concurso, teatro, contos e música as Letras Galegas do 2025

 

Con motivo da celebración das Letras Galegas o Concello de Quiroga ten organizados diversos actos: un certame de narración e debuxo, espectáculos para o público familiar e os actos do 17 de maio, Día das Letras galegas. No referente o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2025 está convocado pola Biblioteca Pública na súa fase local. O certame, tanto en narración coma en debuxo, levaba por tema “Ler con coñecemento”.

Neste certame poden participar todos os nenos e nenas que o desexen. Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe. No caso da narración cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre en bolígrafo e nunca a lapis. E no caso dos debuxos deberán estar feitos sobre papel ou cartolina de tamaño aproximado de DIN A4. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor en letra maiúscula. Os traballos deben entregarse na Biblioteca Municipal antes do 12 de maio.

Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos. O xurado, formado por persoas entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo farase público antes do Día das Letras Galegas. Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Outro dos actos programados con motivo da celebración das Letras Galegas terá lugar este sábado , día 10 ás 17:00 h na Casa da Cultura.

“Pelica de Burra” é un espectáculo-obradoiro de narración oral e música para público familiar da man da narradora e educadora Vero Rilo acompañada do músico Luís Iglesias. Nel o público viaxará ata o ano 2.735. “Despois dunha incrible viaxe no tempo, Pelica de Burra, a nosa protagonista, aterra nun futuro sen xogos, sen contos, sen música… nun futuro terrible. Ante isto, decide regresar ao pasado para atopar as palabras perdidas: “Peliquiña Meee, por aquí non é!, por aquí tampouco, entón… por onde?”, din os promotores da montaxe.

Esta actividade forma parte do programa de Dinamización do Galego “FalaRedes” da Secretaría Xeral da Lingua para a Rede de Dinamización Lingüística.

Outra das actividades previstas terá lugar o xoves, 15 de maio, ás 11:00 h, na Casa da Cultura.
“4 Monos” con Tropa de Trapo, reprensenta catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para soñar con outro mundo posible.

Así, nesta proposta cóntase como “hai moitos anos, no Lonxano Oriente, naceu un símbolo que viña do poder para reprimir ao pobo: os Tres Monos Sabios. Cada mono significaba unha acción: non ver, non oír, non falar. Nós dámoslle a volta. Os nosos monos van escoitar, ver e falar. Van pensar, van actuar… e van ser catro!”, adiantan dende o Concello de Quiroga. Esta actividade,na que participarán os alumnos/alumnas do CEIP de Quiroga, forma parte do programa de animación á lectura “Ler Conta Moito” da Consellería de Cultura..

Como remate o Concello de Quiroga ten organizados diversos actos para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas   á poesía popular oral, as cantareiras . O homenaxe estará personificado en seis mulleres galegas, creadoras e transmisoras de arte e beleza: Adolfina e Rosa Casás (de Cerceda); Eva Castiñeira (de Muxía); e as Pandereteiras de Mens  (Malpica).

Á unha do mediodía, na Casa Consistorial de Quiroga terá lugar a entrega de premios aos gañadores do certame de narración e debuxo Letras Galegas. Nesta xornada non faltará a música tradicional que virá da man do grupo de gaitas “O Recanto” .

 

Back to top button