ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga celebrará o 18 de abril as I Xornadas “Coidar a quen coida”

 

O Concello de Quiroga organizará o vindeiro 18 de abril as “I Xornadas “Coidar a quen coida”, un evento totalmente gratuíto que quere poñer o foco nas persoas coidadoras ofrecéndolles formación, apoio e recoñecemento.

A iniciativa, promovida entre as concellerías de Igualdade e Servizos Sociais, vai dirixida a coidadoras profesionais (traballadoras de axuda a domicilio, centros de día, residencias de anciáns, persoal sanitario, etc), a profesionais de atención a persoas en situación de vulnerabilidade, e a persoas con obrigas familiares ao seu cargo en xeral.

Para facer que este encontro e experiencia compartida das persoas coidadoras sexa de utilidade, amena e atractiva preséntase cun programa diverso de actividades que contemplan un espazo para o debate, obradoiros, unha visita cultural, unha actividade de lecer con moito humor e unha cata-degustación.

O programa da actividade comezará na Casa de Cultura de Quiroga a partir das dez da mañá. Tras unha breve recepción e benvida desenvolverase unha mesa redonda. Baixo o título de “O esgotamento do coidador (Síndrome de Burnout), con Xosé Manuel Fernández, Concelleiro de Servizos Sociais, como moderador; intervirán:

-Galia Fernández García. Traballadora Social e coordinadora Attende Care S.L.
-Ana de la Torre Alvaredo. Traballadora Social dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Sober.
-Esther Mariño Casanova. Psicóloga do CIM de Quiroga.
-Eva Rodríguez Macía. Médica de familia no Centro de Saúde de Quiroga.
-Miluska Apolinaria Barreto Mayon. Coidadora profesional.

A partir das doce do mediodía a xornada será máis relaxada con dous obradoiros: un “Círculo de benestar”, impartido por Paula Santos; e unha “Viaxe interior”, impartido por Teresa Taboada.
Tras o xantar realizarase unha pequena visita cultural e darse paso á risa e descubrirase “O poder terapéutico do humor”, coa Impro teatral ‘Coidado coa risa” con Antía Vidal, Antía Costas e Marta Doviro.

Esta primeira xornada “Coidar a quen coida” rematará cunha cata de viños e degustación de produtos da zona. O Concello de Quiroga convida ás persoas coidadoras a asistir a estas xornadas esperando que o éxito das mesmas fagan posible que teña continuidade no futuro.

Ademais prégase que quen teña interese contacte enviando un correo electrónico aos enderezos departamento-ss.quiroga@eidolocal.es cimquiroga@eidolocal.es para solicitar e encher a correspondente folla de inscrición.

Back to top button