
A aldea de Vieiros, no Courel, acollerá unha das xornadas da programación do Festival Atlántica deste ano o vindeiro día 10 de xullo con dúas sesións de narración oral. O Concello poñerá un microbús de balde para poder desprazarse dende o núcleo urbano de Quiroga.
O Festival Atlántica é actualmente o maior encontro internacional de narración oral e contacontos de Galicia. Naceu en Santiago de Compostela no ano 2013 e vense celebrando entre finais de xuño e principios de xullo, reunindo a decenas de artistas da narración oral en escenarios e espazos patrimoniais. Cos anos foi medrando ata espallarse por localidades de toda a xeografía galega.
O certame deste ano conta coa presenza de 64 artistas en espazos patrimoniais de 33 localidades da comunidade do 26 de xuño ao 10 de xullo. Ademais de narradores galegos hai contadores e contadoras de historias chegados de Portugal, Colombia, Huelva, Zamora, Navarra…
Entre outros valores deste evento, destaca a descentralización da cultura, pois o Atlántica desenvolve a súa programación nas catro provincias chegando tanto a cidades como a pequenas vilas e parroquias no rural, favorecendo o acceso á cultura e contribuíndo á cohesión territorial con diversas iniciativas para todos os públicos.
O Concello de Quiroga entra por primeiro ano como colaborador na xornada que o Atlántica celebrará o vindeiro venres 10 de xullo na aldea de Vieiros. Ás 17:00 h Miudiño S. Cooperativa fará un roteiro ecolóxico baixo o nome de ‘A fala da montaña’, e ás 20:00 h María da Pontragha e Miguelón Paz farán unha sesión de ‘Contos de tascas, tabernas e outros tugurios’. As dúas actividades serán na Aira de Vieiros.
Para poder gozar desta interesante xornada, as Concellerías de Dinamización Lingüística e Participación Cidadá organizan un desprazamento dende Quiroga en Microbús o venres 10 de xullo sendo a saída da Casa da Cultura ás 15:45 h e a chegada ás 22:00. A viaxe será de balde e para reservar praza hai que chamar ao teléfono 657014555. Os menores terán que ir necesariamente acompañados dunha persoa adulta.
O concelleiro, Xosé Manuel Fernández, convida á veciñanza e visitantes de Quiroga a participar nesta actividade e aplaude este tipo de actividades que “levan a cultura ao rural poñendo ademais en valor a vida e o patrimonio histórico e natural das nosas aldeas”.
Patrocinan Atlántica a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Como colaboradores, ademais do Concello de Quiroga, están a S. Cooperativa Miudiño, Proxecto Vieiros e o Pacto Cultura Sustentable.
A Fala da Montaña
Actividade das 17:00 h, máis indicada para público familiar, está organizada por Miudiños Coop. que propón un roteiro no que, a través da observación, o xogo e a narración, os participantes descubrirán a contorna da aldea de Vieiros.
Ao longo do percorrido coñecerase a riqueza da paisaxe, da natureza, o valor patrimonial local e as historias e lendas que agocha a montaña. Un convite, en definitiva, a mirar a paisaxe con outros ollos e a fortalecer o vínculo co territorio.
“Contos de tascas, tabernas e tugurios”
Contos dos que nacen nas tabernas, entre camaradas. Cheos de personaxes que levan á tasca as súas crenzas, as súas vidas cotiás e os contos de veciños e veciñas mentres comparten unha volta. Contos que dan vida e fan a un rir e cantar.
