Arredor dun produto milenario, ligado a unha fonda cultura e tradición, e de gran calidade xira a Mostra do Aceite de Quiroga que nesta fin de semana cumpre 26 edicións. O aceite é o seu referente principal, pero este evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego, vai moito máis alá e así o demostra ano a ano.
A mostra abríase co congreso dedicado ao aceite de Quiroga, ademais de incluír degustacións, catas, música, unha exposición de camelias e, por suposto, unha feira instalada na praza do Auditorio na que podían probarse e mercarse os aceites dos colleiteiros: Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga, Ouro de Quiroga, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento. Xunto a eles había postos doutros produtos quirogueses como marmeladas, mel ou licores.
Ademais había unha feira de artesanía á beira da carpa da mostra. Non faltaban tampouco as demostracións de moenda tradicional de olivas no Muíño de Aceite de Bendilló nin actos como o nomeamento dun novo embaixador do aceite quirogués, desta volta o chef con 2 estrelas Michelin Javier Olleros, do Restaurante Culler de Pau do Grove. Ademais había demostracións de cociña deste mesmo chef con aceites quirogueses.

Numerosas persoas dábanse cita nesta mostra, percorrendo os seus postos, degustando os seus aceites e tamén adquiríndoos. Entre os visitantes da mesma estaban autoridades como a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen destacaba o crecente potencial do sector olivícola galego. Así indicaba que a produción de aceite é unha das normas técnicas incluídas dentro do selo Artesanía Alimentaria, a través do cal se certifica a elaboración, manipulación e transformación dos produtos alimentarios de xeito artesanal.

A maiores, a conselleira indicaba que desde o seu departamento estase a traballar para favorecer o desenvolvemento das variedades autóctonas de oliveira en Galicia. A través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñadas a avanzar neste sentido.

Este mesmo ano iniciarase a produción de plantas certificadas como variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño, en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e seguir estudándoas. En concreto, empregaranse catro destas variedades, das cales hai unha que xa está identificada xeneticamente como única en Galicia polo Banco Mundial de Xermoplasma.

A titular da Consellería do Medio Rural estaba acompañada polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, así como polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo; Javier Arias. Tamén acudía á mostra a presidenta da Deputación da Lugo, Carmela López; polo presidente da Confederación Hidrográfica MIño-Sil, José Antonio Quiroga; polo presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández; entre outras autoridades.
Fotos: Carlos G. Hervella.