ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga presenta a “festa do terror máis grande de Galicia, o Quimedo”

 

O medo, a adrenalina e a diversión mesturaranse este sábado 24 de outubro na festa máis terrorífica da comunidade. O equipo de goberno de Quiroga vén de presentar a sétima edición do QuiMedo, cunha foto realizada no salón de plenos da Casa Consistorial.

O pavillón municipal, será unha vez máis o centro neurálxico do Qui-Medo. Abrirá a partir das sete da tarde para que o líder de cada grupo se achegue a recoller as pulseiras de entrada ás casas e tamén para o inicio da festa infantil, aberta a todos os nenos e nenas sen necesidade de inscrición. Durante este período tamén se poderá adquirir algunha das poucas entradas que reserva a organización para os que agardan á última hora.

Ás nove e media, tras a presentación oficial, darase o pistoletazo de saída dende o pavillón para visitar as casas do terror. Durante tres horas, tempo marcado para o recorrido, cada grupo deberá seguir un mapa trazado pola organización para evitar as grandes aglomeracións na entrada dos inmobles, situados no casco urbano de Quiroga.

Oito casas do terror con actores en directo que farán un percorrido único nesta nova edición do QuiMedo.
A primeira das casas, “O Museo das Civilizacións Malditas”, un museo cun percorrido por civilizacións, culturas e épocas que agochan segredos que nunca deberían ser descubertos. Esa noite as vitrinas cobran vida, as sombras desprázanse polos corredores e os antigos habitantes de Exipto, Asia, África, Roma e outras cidades do mundo espertan de novo.

A segunda a “Biohazard: Zona Cero”. Un taller mecánico convertido no epicentro dun brote que ninguén foi quen de deter. Un virus descoñecido propagouse desde un laboratorio clandestino. Os primeiros infectados xa non son humanos. O protocolo de emerxencia fracasou.

A terceira casa, “Survival: Os sete cazadores”. Os participantes terán que sobrevivir a un labirinto, tres roldas e sete cazadores, coa única misión de que non os collan. Dentro do labirinto o Lobishome, o Carniceiro, a Boneca, o Doutor da Peste, o Pallaso, o Verdugo e a Criatura LED. Dúas roldas, cada unha máis difícil, nas que os cazados irán á gaiola, os que se sobrevivan entrarán na caza final. Se consegues superar as tres roldas sen ser capturado… gañarás o Survival do QuiMedo 7.

“O cemiterio do QuiMedo” será a cuarta das casas, un lugar do que é mellor non falar e no que hai tumbas que nunca deberon abrirse. Por primeira vez na historia do QuiMedo, visitarase unha localización inédita entre cruces, lápidas e sombras.

A quinta das casas achegarase á “Mina”. Os cascos dos mineiros que baixaron as profundidades da terra e nunca regresaron seguen iluminando unhas galerías nas que os carros continúan movéndose.

“A Palleira” é outra das casas deste QuiMedo. Durante anos os espantallos permaneceron entre o millo, vixiando as colleitas, soportando a choiva, o frío e a escuridade. Ninguén reparaba neles. Eran só bonecos feitos de palla, roupa vella e madeira. Pero algo cambiou, e cando cae a noite no QuiMedo, os espantallos cobran vida.

Repite unha nova edición de “Mac Guarro”. Novamente seguirá sendo a casa máis extrema desta edición na que os participantes poderán decidir ata onde poden chegar os figurantes a hora de meter medo. Os que permitan ser tocados portarán un colar fluorescente para poder ser identificados. Unha casa diferente, pensada para mesturar terror e diversión, onde saír limpo vai ser todo un reto

E a derradeira das casas “A Inquisición”. Un lugar no que a escuridade medieval agocha os seus peores segredos. Monxes encapuchados, túnicas brancas coa cruz vermella, antigas salas de pedra e instrumentos de tortura agardan polos valentes que se atrevan a entrar.

Estas son as casas das que xa se da unha idea do que se pode atopar dentro e que están preparadas para recibir aos máis de 1.400 participantes, a falta de poñer a venda as últimas entradas. Unha vez que os participantes rematen o recorrido, comprobando si o QuiMedo VI foi tan terrorífico como promete, nova xuntanza no pavillón municipal co desfile QuiMedo Final e rematar coa QuiMedo Fest coa Disco Móvil Dolce Vita.

Máis información na páxina https://www.quimedoterror.com/

Back to top button