EconomíaEconomíaÚltima hora

“Quiroga, terra mai”, obra de Antía Rodríguez, cartel da XLIV Feira do Viño desta localidade

 

O equipo de goberno do Concello de Quiroga presentaba esta mañá o cartel gañador da XLIV Feira do Viño desta localidade lucense que se celebra os días 3, 4 e 5 de abril. O deseño gañador, que leva por título “Quiroga, terra mai” é obra de Antía Rodríguez Montenegro.

A creadora, que vive na Coruña, pero ten moi presente a Quiroga, terra natal dos seus pais, e a onde regresa sempre que pode. A Ermida foi o lugar que escolleu Antía para a presentación do cartel xa que a súa nai é natural deste núcleo.

“O deseño do cartel para a XIV Feira do Viño de Quiroga nace da vontade de fundir territorio e identidade, convertendo o noso concello no verdadeiro protagonista da composición. A proposta parte dunha idea sinxela pero profunda: Quiroga non só produce viño, senón que é viño”, segundo indican dende o Concello de Quiroga.

 

 

Segundo explica a propia autora, o mapa do municipio convértese neste cartel no lenzo orgánico sobre o que, mediante a técnica da acuarela, representa a riqueza natural do val. As tonalidades verdes e terras evocan paisaxe, fertilidade e a tradición agrícola, mentres que os acios de uva, integrados de maneira
harmónica na silueta do territorio, simbolizan a conexión directa entre a xeografía e o produto estrela da feira.

A decisión de nomear todas as parroquias do concello responde a un sentimento de irmandade e pertenza. Cada nome inscrito no cartel é un recoñecemento á diversidade que conforma Quiroga: parroquias con personalidade propia que, malia as súas particularidades, forman parte dunha mesma identidade común.

Como acios dunha mesma vide, todas compoñen a esencia do noso territorio. Este cartel pretende ser, en definitiva, unha representación emocional do que somos: terra, viño e comunidade.

Este concurso está premiado con 300 € e un diploma acreditativo e este será o cartel que a partir de agora anuncie todo o relacionado coa XLIV Feira do Viño de Quiroga.

Back to top button