
A VII edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten finalistas. Trátase dos poemas O traballo e os días de Rafa Vilar (Cee, 1968), Un frío, de Naila González (Sarria, 2003), e Rosas de Saraievo, de Francisco Fernández (Vigo, 1974). Estes tres poemas foron escollidos entre os 68 presentados a concurso nunha edición onde por vez primeira limitouse a participación a un único poema. O gañador do premio desvelarase na gala que se celebra o sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco coa actuación musical da artista barquense Nerea Jiménez.
Non faltarán, polo tanto, a música e a poesía, que estará presente da man dos finalistas e tamén do xurado, integrado pola creadora Lúa Mosquetera, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, a poeta e actriz Fátima Delgado, o docente e escritor Raúl Gómez Pato e a música e dramaturga Sara Faro. Outra das novidades desta edición é que, ademais do gañador do certame, que recibirá os 3.000 euros do primeiro premio, recoñeceranse ao primeiro e segundo finalista cuns galardóns de 500 e 300 euros, respectivamente.
Como prolongación do evento e seguindo o éxito do ano anterior cando se fixo por vez primeira, o domingo 20 de setembro celebrarase na praza Doutor Quiroga de Petín un vermú poético. Comezará ás 13 horas e contará coa presenza dos poetas finalistas e mais o xurado do premio. A cita, de carácter festivo, inclúe a actuación do grupo musical valdeorrés La Mano.
Poetas finalistas
Rafa Vilar é filólogo e escritor, vinculado ao asociacionismo cultural de base. Forma parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e como poeta leva publicados máis dunha ducia de libros.
Naila González, Licenciada en Tradución e Interpretación, é unha escritora precoz que no 2024 gañou o I Certame de Poesía Acouga-Casa dos Poetas (Celanova, 2024), coa obra A anarquía das pálpebras, entre outros premios.
Francisco Fernández, autor de poesía e narrativa, acumula premios e publicacións. As máis recentes son as novelas curtas Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas (2023), gañadora do VIII Premio Antón Risco de Allariz de Novela Curta, e Groenlandia (2023), gañadora do XVII Premio Repsol de Narrativa Curta.