
O Hotel Las Vegas, establecemento hostaleiro de San Clodio, no Concello de Ribas de Sil, aproveita a chegada do verán para potenciar o ambiente da súa ampla terraza coa organización de eventos nos que a música ten un especial protagonismo.
Ese espazo, coñecido en tempos como ‘A Pista’, foi un mítico punto de encontro de toda a contorna para ir de festa e bailar. Con estes antecedentes, a actual xerencia quixo, dende hai uns anos, recuperar ese ambiente festivo e organizar nos veráns un programa de actuacións en directo e sesións de baile para goce da clientela.
Así, comezado xa oficialmente o verán, deseñou unha programación de actuacións para os meses de xullo e agosto que comezará o domingo día 5 cunha sesión vermú ás 13h. cun concerto de Movilla & Los Irrepetibles” e cociñado de sushi en directo. “Sushi e rancheras, que máis se pode pedir?”, di Elena Losada, a xerente, con entusiasmo.
Con respecto á actuación musical, o directo que ofrecen Movilla & Los Irrepetibles é “moi divertido e cheo de momentos para gozar grazas á elocuencia do seu vocalista, Javier Movilla, natural de Castro Caldelas e amante da música mexicana”, aseguran dende Hermanager Producións.” Un personaxe “irrepetible” que, acompañado duns grandes músicos”, ofrecen un espectáculo no que se rende homenaxe aos grandes autores e intérpretes do xénero, dende os clásicos como Jorge Negrete, Vicente Fernández ou Chavela Vargas, ats versións de artistas e grupos nacionais como Joaquín Sabina, Loquillo, Miguel Ríos, Antonio Flores ou Los Secretos.
