100 rapaces e rapazas de cinco institutos de Galicia, entre eles o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, participaban hoxe nun encontro creativo para reflexionar e promover boas prácticas nos centros educativos. A iniciativa enmárcase no proxecto de Educación Mediática, Innovación Didáctica e Cidadanía Global EpDLab (Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento), impulsado pola ONGD AGARESO (Asociación de Comunicación para o Cambio Social) co apoio de Cooperación Galega.
Ao longo da xornada deste xoves 9 de abril, organizados en grupos intercentros, o alumnado elixiu traballar sobre unha destas cinco temáticas: Coidar o Planeta protexendo a natureza e os animais; saúde mental e benestar emocional; igualdade de xénero e diversidade LGBTIQ+; fronte ao racismo e a discriminación; e activismo e cambio social.

Tal como explican dende a organización, unha vez agrupados segundo o seu interese, os e as estudantes definiron os puntos clave de cada tema e crearon pezas audiovisuais para abordalos. “En total, elaboráronse 30 vídeos con títulos como 5 accións que están nas nosas mans para salvar o planeta, Que facer se ves un caso de bullying?, Xestos que axudan cando alguén se sente mal ou Recomendacións para ter unha escola diversa e inclusiva“.
A programación educativa combinouse con momentos de lecer, nos que xogos como “o pobo dorme” ou “as cadeiras” permitiron á rapazada gozar dun ambiente distendido. Para finalizar a xornada, o alumnado deseñou memes analóxicos como ferramenta de avaliación, poñendo a proba a súa capacidade creativa. O aspecto máis valorado polos e polas participantes foi a posibilidade de contar cun espazo de socialización que lles permitiu coñecer a xente nova de diferentes localidades, compartindo un día cheo de aprendizaxe e diversión.

Fotos cedidas.