
O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diócese de Lugo, inicia a segunda fase do seu programa de apertura de templos románicos na provincia de Lugo. Esta nova etapa dá continuidade á experiencia piloto desenvolvida o pasado ano 2025, establecendo un sistema de apertura que permite descubrir e por en valor estas xoias do románico, habitualmente pechadas aos visitantes.
Tras a boa acollida da primeira etapa e unha vez analizado o seu funcionamento, o programa retómase agora cun novo período de apertura e unha relación actualizada de templos. O obxectivo é seguir mellorando a accesibilidade a este patrimonio e avanzar na definición dun modelo de visitas viable e axeitado ás singularidades destes espazos.
Calendario e templos incluídos
Esta nova fase dará comezo o vindeiro 28 de marzo, en vésperas da Semana Santa, e estenderase ata o 30 de xuño de 2026, coincidindo coa finalización do PSTD Ribeira Sacra. Neste período, permanecerán abertas ao público as seguintes igrexas:
San Pedro de Bembibre (Taboada)
Santiago de Lousada (Carballedo)
San Miguel de Eiré (Pantón)
San Vicente de Pombeiro (Pantón)
San Xillao de Lobios (Sober)
San Vicente de Pinol (Sober)
Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)
Condicións de acceso e reservas
As visitas seguirán sendo de carácter libre (sen guía), respectando sempre o uso relixioso dos templos e as normas de seguridade, cun aforo máximo de 25 persoas por igrexa. A tarifa xeral, establecida pola administración diocesana, establécese en 2 euros por persoa e templo, contando con prezos especiais para grupos e outros colectivos.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa reserva e consultar toda a información do programa na seguinte ligazón: https://turismo.ribeirasacra.org/apertura-iglesias-romanicas-2026
Os gastos derivados do persoal encargado de abrir as igrexas e recibir as persoas visitantes, así como do deseño gráfico, maquetación, produción de soportes de comunicación e contratación de publicidade, son asumidos con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.