SanidadeÚltima hora

Reactívase a Plataforma Sanitaria de Valdeorras, que convoca unha asemblea o 16 de outubro

Entre os puntos da orde día figura a reanudación das actividades e a convocatoria dunha manifestación

 

A través dunha nota de prensa vén de anunciarse esta tarde a reactivación da Plataforma Sanitaria de Valdeorras a través da súa antiga estrutura organizativa, con tres voceiros: Orlando Saavedra; Félix García Yáñez, e Suso Vilasánchez. Os motivos de retomar a plataforma son, entre outros, “a crítica situación que atravesa o noso Hospital Público de Valdeorras (HPV), cunha atención sanitaria inadecuada consecuencia da falta de profesionais e servizos, que se reflicte nuns tempos de espera inasumibles, nunha perda do peso sanitario do HPV, e na discriminación da cidadanía do noso distrito”, din os representantes da plataforma.

Ademais, toman esta decisión “ante a inadecuación dos recursos sanitarios ás necesidades da poboación do distrito. Ante o desprezo á importantísima función da atención primaria neste distrito. Ante o incumprimento da normativa sanitaria e o abandono que sofre esta comarca e distrito por parte dos actuais xestores do Sergas”.

Neste senso, os representantes da plataforma convocan á cidadanía a unha asemblea o vindeiro 16 de outubro ás 19h. no salón de actos do Multiusos do Barco. A súa orde do día inclúe a reanudación das actividades reivindicativas da plataforma sanitaria de Valdeorras, a convocatoria dunha manifestación e o deseño de plans de actuación e de plans de funcionamento interno.

Back to top button