ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Recepción no Concello aos deportistas de tres clubs do Barco que participarán nos XVI Xogos do Eixo Atlántico

 

Entre o 5 o 10 de xullo celebraranse en Santiago de Compostela os XVI Xogos do Eixo Atlántico, que converterán a cidade no epicentro do deporte xuvenil da Eurorrexión durante varios días.

A organización acordaba reducir a idade máxima de participación aos 14 anos en todas as modalidades, coa excepción das competicións de deporte adaptado. Unha medida que busca “potenciar a detección temperá de talento e favorecer o desenvolvemento deportivo das xeracións máis novas, fortalecendo o carácter formativo dos Xogos”.

 

 

Así, esta nova edición reunirá a 2.000 participantes procedentes de 28 municipios de Galicia e do Norte de Portugal, entre os que se atopa O Barco de Valdeorras que nesta ocasión envía unha expedición de 54 deportistas e adestradores de tres clubs: Adas Cupa, Femenino Sil Baloncesto Barco e Volei San Martiño-Sección O Barco, que participarán nas seguintes modalidades deportivas:

• Atletismo feminino: 8 atletas que competirán en relevos, lanzamento de peso, 80 metros lisos, 1000 metros lisos, salto de lonxitude e atletismo en ruta.
• Atletismo masculino: 5 atletas que competirán en relevos, lanzamento de peso, 80 metros lisos, salto de lonxitude e 1000 metros lisos.
• Equipo de baloncesto feminino: 10 deportistas.
• Equipo de baloncesto masculino: 10 deportistas.
• Equipo de voleibol feminino: 12 deportistas.

Unhas probas nas que dende o Concello agardan que consigan bos resultados. Así llo transmitía o alcalde, Aurentino Alonso na recepción que lle facían na mañá deste martes 30 de xuño, desexándolles boa viaxe e sobre todo que desfruten da experiencia. Tamén lles entregaban material corporativo como a camiseta oficial dos Xogos coa que representarán ao Barco de Valdeorras nas diferentes modalidades.

 

 

O domingo día 5 de xullo, ás 18:30 horas, terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, o desfile de inauguración dos Xogos, no que asistirán todos os deportistas participantes.

Por unha banda, as probas de atletismo celebraranse o luns día 6 de xullo ao longo de todo o día. Pola outra banda, as competicións de deportes de equipo iranse celebrando por quendas clasificatorias que comezarán o luns día 6 e rematarán o venres día 10 de xullo coas finais.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

 

 

Back to top button