SanidadeÚltima hora

Recollen sinaturas no Barco para pedir que se cubra a praza de pediatría no Centro de Saúde

 

Entre as nove e media e as once e media desta mañá dúas representantes dun grupo de nais e pais que piden melloras na atención pediátrica no Barco recollían sinaturas neste senso nunha mesa situada no exterior do Centro de Saúde do Barco. “O mes de marzo fixemos unha concentración aquí mesmo para pedir explicacións á xerencia da área sanitaria sobre o que ía pasar, xa que só había un pediatra e a praza parecía que non se ía cubrir. A día de hoxe xa se acabaron os prazos desa primeira rolda e non se cubriu, entón vai empezar unha segunda agora e a mediados de maio saberemos se vai vir un pediatra ou non”, explica Sandra Méndez, voceira do colectivo de pais e nais que promove a iniciativa.

Recoñecen que dende a concentración, celebrada o 21 de marzo, houbo melloras. “Pola tarde hai pediatra no Centro de Saúde, pola mañá veñen outros profesionais de apoio ao pediatra que temos. A situación mellorou, pero é algo a curto prazo, porque estes especialistas son do hospital e fan un esforzo para cubrir as carencias que ten o centro de saúde. Nós agradecémoslle moito á xerencia o esforzo que está a realizar, pero necesitamos algo máis, queremos que mellore a situación a longo prazo, unha solución, por iso estamos a facer esta recollida de sinaturas”, prosegue Sandra Méndez.

As preto de 300 sinaturas que recollían durante esta mañá, e as que se vaian reunindo ata o 2 de maio, servirán de apoio a unha proposta conxunta que levarán ao pleno dese mesmo xoves os tres grupos políticos da Corporación barquense. “Agradecemos o seu apoio aos tres grupos políticos que teñen representación no pleno porque nos deron o seu apoio e puxéronse á nosa disposición”.

Por outra banda, van continuar recollendo sinaturas deixando follas en diversos puntos do Barco: no taller JL Tunning, Bar Hamburgo, Rincón Aberto, Zapatería AIN, no primeiro andar do edificio Multiusos do Concello, Bar Gasolinera Galp, Perruquería Glamour e Librería Caprichos e” seguramente algún máis, porque a xente está colaborando moito, algo que agradecemos”, conclúe Sandra Méndez.

Artigos relacionados

Back to top button