Seguen as xubilacións no ámbito sanitario na comarca de Valdeorras, coas súas correspondentes despedidas, nesta ocasión dobre e en forma de homenaxe.

Na mañá do sábado 18 de outubro, o concello de Petín concedía sendos recoñecementos a dous profesionais sanitarios que desenvolveron boa parte da súa carreira no Centro de Saúde petinés: Emiliano Quiroga Gayoso como médico ata o mes de setembro cando se xubilaba; e José Miguel Fernández Salgado ‘Quixé’ como enfermeiro xubilado xa dende o mes de maio.
Ao longo de máis de tres décadas pasaron pola consulta do médico centos e centos de pacientes, veciños e tamén familiares. Moitos xa non están pero outros moitos acudían ao acto que tiña lugar na praza Doutor José Quiroga (en homenaxe ao avó de Emiliano e na que se atopa a casa familiar), e no que a alcaldesa Raquel Bautista lles entregaba unha placa conmemorativa a cada un.
Nas súas intervencións, tanto Quixé como Emiliano daban as grazas polo recoñecemento, lembrando algúns dos momentos vividos no centro sanitario. No caso do doutor, membro dunha familia de médicos, fixo referencia á súa vocación fomentada polo seu avó Pepe, polo seu pai D. Pepito e polos seus irmáns maiores, Xosé Ramón e Pedro. Tamén tivo palabras para todo un referente, o seu sogro, o doutor Fole e o seu amigo, cuñado en compañeiro de viaxe, o doutor Maseda (Lulo).
Como non podía ser doutro xeito tivo mostras de gratitude a familia, colegas, amigos, organizadores, equipo de saúde… Cos veciños e pacientes lembrou a “paciencia, franqueza, actitude positiva e valentía ante a vida e a morte, agradecendo ter aprendido a escoitar, sentir o calor dunha mirada, apretar unha man temblorosa e compartir un sorriso cando hai esperanza”, dixo, asegurando que “a sanazón conséguese con cariño e confianza, a cura cunha aperta, palabras sinceiras e presenza”. Tamén contou vivencias simpáticas, finalizando co latexar de Petín “cheo de solidaridade e acollida” que o fai sentirse “orgulloso de ser parte dun pobo que sabe querer”, que lle abriu as portas, que o acompañou no camiño e que lle confiou a súa saúde.
Tralo acto, a festa continuaba no pavillón do Teleclub cunha pinchada á que asistían tamén moitos compañeiros de profesión.
Fotos e vídeo cedidos.