EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Recoñecidos expertos abordan o mildiu e a flavescencia dourada nunha xornada da D.O. Ribeiro

 

O C.R.D.O. Ribeiro, en colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, celebraba nesta semana unha xornada técnica informativa sobre dúas dos grandes problemas que afectan o viñedo, a enfermidade fúnxica mildiu e a flavescencia dourada da vide, enfermidade que se transmite a través do insecto vector Scaphoideus titanus. A xornada, que completou aforo, tivo lugar en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense), en horario de 9.00 a 15.00 horas.

A sesión daba comezo coa benvida da presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, quen aproveitou para “agradacer a colaboración á Deputación de Ourense e aos relatores, así como a alta afluencia de profesionais do viñedo asistentes á xornada”. Foi seguida do relatorio a cargo de Julio Prieto, consultor vitivinícola de Navarra, que versou sobre “o mildiu entre mitos e certezas”, destacando que a loita eficaz contra o mildiu comeza moito antes da infección. Factores como a estrutura do viñedo, a ventilación, a densidade de plantación, a elección varietal e a xestión do vigor son determinantes no nivel de risco. “Non todo está nos tratamentos; o problema non é o fungo, senón como o xestionamos”, afirmou.

A continuación, foi o momento de Jordi Mateu e Honorat Sabater, xefe e técnico da vide da Unidade de Sanitat Vexetal en Xirona, quen expuxo a súa experiencia e evidencias do 1996 ao 2025 en Xirona para a erradicación da flavescencia dourada. Mateu lembrou que a detección temperá e a eliminación inmediata das cepas infectadas, combinadas con tratamentos insecticidas axustados ao ciclo biolóxico do vector, son as claves do éxito no control da FD. Resaltou tamén a importancia da cooperación entre técnicos, viticultores e administracións, representada nas denominadas ‘4C’: colaboración, coordinación, confianza e credibilidade. Pola súa banda, Sabater presentou máis de dúas décadas de traballo técnico e resultados obtidos nas comarcas do Gironès, Alt Empordà e Baix Empordà, destacando a importancia da prospección sistemática do vector e das cepas infectadas, así como a aplicación rigorosa de tratamentos insecticidas en momentos clave do ciclo biolóxico do insecto.

 

 

A quenda de Ana Chavarri, asesora vitícola en Provenza (Francia) presentou unha potente mensaxe durante a súa charla que levaba por título “Contra a flavescencia, todos unidos” no expuxo o modelo de traballo aplicado no departamento de Bouches-du-Rhône, que abarca 10.500 hectáreas repartidas en 80 localidades, coa implicación de máis de 150 adegas e cooperativas. Destacou a importancia da prospectiva colectiva, a verificación do material vexetal mediante termoterapia (50°C durante 45 minutos) e a observación coordinada do vector Scaphoideus titanus, adaptando os tratamentos insecticidas segundo o ciclo biolóxico do insecto e as condicións locais.

Seguidamente, Nicasio Mejuto e Encarna Rodríguez, subdirector xeral e xefa do servizo de explotacións agrarias de Ourense, presentaron un compendio de medidas para a erradicación da flavescencia dourada na vide nas zonas demarcadas. Rodríguez comentou que “unha das principais novidades deste ano é a aprobación do Decreto 29/2025, do 7 de abril, que declara de utilidade pública a erradicación da flavescencia dourada en Galicia e habilita á Administración para a execución subsidiaria das medidas naquelas parcelas cuxos propietarios non cumpran coas obrigacións establecidas. Esta disposición permite que a Xunta actúe directamente para arrincar e destruír plantas enfermas ou abandonadas, garantindo a eliminación de focos de contaxio e asegurando a eficacia do plan de erradicación. Os custos destas actuacións poderán ser reclamados posteriormente aos titulares das parcelas, sen prexuízo do réxime sancionador aplicable”.

 

 

 

Cara ao final da xornada tivo lugar un vivaz coloquio conxunto entre os expertos relatores, cunha gran batería de preguntas dos asistentes, entre os que se atopaban viticultores e adegas rexistradas na D.O. Ribeiro, así como autoridades, persoal de Medio Rural, enxeñeiros agrónomos, agrícolas e outros profesionais e persoal vinculado ao viñedo de todo Galicia.

A clausura da xornada estaba a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen subliñou a importancia de controlar estas enfermidades que prexudican a produción desde os seus criadeiros en viñedos abandonados, “para contribuír así a aumentar o valor das nosas terras e a combater o abandono nas nosas zonas rurais”, ao que lle seguiu un pequeno cátering e veu D.O. Ribeiro de cortesía para todos os presentes.

Back to top button