
Castro Caldelas celebrará este venres 6 de marzo ás 12h. o Día da Muller reuníndonos diante do Concello. “Homenaxearemos a todas as Mulleres descubrindo unha fermosa obra feita en Gancho polas mulleres da Asociación de Xubilados de Castro Caldelas”, adianta a alcaldesa, Sara Inés Vega.
Ademais farase entrega do IV Premio da Muller Traballadora como homenaxe á Muller Caldelá.
O primeiro Premio a unha Caldelá do rural: Esperanza Gómez, de Quintela de Mazaira.
O segundo Premio a unha Caldelá da vila: Lola do “Restaurante Pallón II”.
O terceiro Premio a outra Caldelá do rural: Rita de “Casa Rita” de Sas de Penelas.
O cuarto Premio será entregado a unha muller moi significativa da vila, cuxa identidade se desvelará no acto.
Ademais rematarase dando lectura ao manifesto. “Con este acto ponderamos o papel das Mulleres, moi especialmente as Mulleres Caldelás: Mulleres bravas, intelixentes, traballadoras, … a través de tantas xeracións e profesións”, indica Sara Inés Vega.
En cada muller premiada búscase simbolizar “a loita e a resiliencia histórica, destacando o seu papel fundamental no coidado dos fillos, dos maiores, dos traballos realizados para sacar adiante as empresas das que case nunca eran titulares, do duro traballo do campo e como motores da economía familiar”, asegura a rexedora que amosa o seu agradecemento ás Mulleres da Asociación de Xubilados que, un ano máis, “traballaron arreo para realizar a homenaxe en Gancho. E grazas a Manuel Carrete polas súas ideas e axuda nestos traballos. Convidamos a todos os homes e mulleres a asistir a este significativo acto de reivindicación e recoñecemento”.
