CulturaCulturaÚltima hora

Récord de participación no Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, con 226 poemas presentados

O gañador do premio, dotado con 3.000 euros, coñecerase na gala que se celebrará no Barco

Patricia Fernández, autora do cartel desta edición do Premio de Poesía FDG.

 

Enma Pedreira, Lucía Aldao, Inma Núñez, Luciano Rodríguez e Aleixandre Lago (poetas, músicas, filólogas e investigadoras) integran o xurado do 6º Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán que bateu o seu propio récord de obras presentadas a concurso. “Habitualmente os poemas presentados estaban en torno aos 150, pero nesta sexta edición do certame hai 226 textos admitidos a concurso de 138 autores e autoras diferentes”, indican dende a Fundación.

Este premio, que naceu no 2018 para “impulsar a creación poética en galego”, ten un premio único de 3.000 euros a un poema; e os requisitos das obras é que sexan inéditas, estean escritas en galego e non superen os cincuenta versos de lonxitude.

“O xurado, terá o seu veredicto listo a finais de agosto e o 10 de setembro farase público o nome dos tres poemas finalistas”, aseguran dende a Fundación, avanzando que o vencedor do premio coñecerase na gala que en cada edición pon o broche ao certame, reunindo palabra, música e territorio. O ano pasado celebrouse no Bolo e nesta ocasión será no Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo, seguindo o criteiro da Fundación de facer as súas actividades itinerantes entre os diferentes concellos da comarca.

“Nesa gala volverá ter protagonismo a imaxe deseñada para o premio por parte da artista valdeorresa Patricia Fernández, lapintiparada”, din dende a Fundación, explicando que o cartel “xoga con dous retratos moi coñecidos de Florencio, evocando o paso do tempo e as súas transformacións”. Fernández súmase así ao equipo de artistas comarcais que teñen asinado colaboracións co Premio e máis a Fundación, entre os que tamén están Eva Piay, Carina Rodríguez ou Iván Prieto. “Neste 2025 tamén se estrea como colaboradora da Fundación a poeta rubianesa Inma Núñez, no seu caso como parte do xurado”.

Back to top button