CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Recursos para entender e xestionar as “rabietas” infantís, nunha charla de Lucía García no Barco

A iniciativa estaba promovida pola Asociación de De Nai a Nai e tiña lugar no Multiusos

 

Son un proceso natural e inevitable no desenvolvemento evolutivo das nenas e nenos. Aínda así, a xestión as “rabietas” infantís acostuma xerar dúbidas, frustración e desgaste na contorna familiar. Co fin de facilitar a comprensión deses procesos emocionais e de achegar pautas efectivas para xestionar as situacións complexas do día a día, a Asociación De Nai a Nai organizaba no  Multiusos do Barco na tarde deste 17 de outubro a charla “Rabietas, límites e acompañamento emocional”, da man de Lucía García Rodríguez, psicóloga e fundadora de Calma o Caos, un proxecto especializado no acompañamento integral a familias en áreas clave como a crianza, o soño infantil, o establecemento de límites e a regulación emocional.

Ao longo da súa intervención e dun xeito moi práctico e comprensible expoñía o que acontece a nivel neurobiolóxico e emocional no cerebro infantil cando un menor se desregula, permitindo aos asistentes comprender a orixe subxacente destas manifestacións conductuais. Ademais explicaba como actuar e responder ante este tipo de situacións, aportando recursos concretos para actuar de forma efectiva antes e durante os momentos de crises.

 

 

O obxectivo fundamental da charla é, segundo adianta a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada, “transmitir que o establecemento de límites firmes e claros é plenamente compatible co respecto, a empatía e a seguridade afectiva”.

 

 

A actividade estaba organizada pola asociación De nai a nai e conta co cofinanciamento do Concello do Barco de Valdeorras, no marco das súas accións para apoiar o benestar familiar e ofrecer espazos de formación comunitaria sobre infancia e crianza.

Fotos e vídeo: A.R.

 

Back to top button