ConcellosÚltima horaVerín

Refórzase o programa do FIC Verín con proxeccións que apostan polo cine “como faro de pensamento crítico”

Foto: FIC Verín.

Na súa vindeira edición, Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Verín, Vía XIV, aposta por dúas actividades paralelas fóra da competición oficial que enriquecen o seu programa audiovisual. A sección Horizontes propón unha mirada libre e plural sobre a posverdade e a manipulación informativa, mentres que o Cineclube Ordet achega unha sesión especial centrada na memoria, a percepción e os límites do cinema.

Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, destaca que “con estas actividades paralelas, o festival reforza o seu compromiso coa descentralización cultural e o diálogo co territorio, entendendo o cinema como un acto colectivo e unha ferramenta para fomentar o pensamento crítico e a participación cultural.” Engade que “Horizontes ofrece unha mirada plural e sen barreiras formais para explorar retos contemporáneos como a posverdade e a manipulación informativa, mentres que a colaboración co Cineclube Ordet permite crear un espazo de encontro e reflexión arredor da memoria, a percepción e os límites do cinema.”

A sección Horizontes nace como un espazo sen barreiras formais no que artellar o discurso central do festival. Desde os seus inicios, Horizontes funcionou como unha xanela aberta á exploración estética e temática, cunha liña editorial que cada ano pon o foco nun reto contemporáneo. “Nesta edición, a sección propón unha reflexión arredor da posverdade e os mecanismos de manipulación que dilúen os límites entre o certo e o falso. As pezas seleccionadas abordan cuestións como a saturación informativa, o papel dos medios de comunicación e as novas formas de construción do relato”, explica Severiano Casalderrey, encargado de seleccionar as curtas e artellar a sección.

Algunhas destas obras foron seleccionadas a través da convocatoria oficial e participan na competición dentro da categoría do premio do público. Outras foron programadas directamente polo equipo do festival, ao quedar fóra de concurso por cuestións técnicas. Todas elas forman parte dunha mesma liña argumental que propón interrogarnos sobre o valor da imaxe na era da sobreinformación.

A esta sección súmase unha actividade especial organizada co Cineclube Ordet, que terá lugar o 6 de setembro na Casa da Cultura de Verín. A sesión estará composta por dúas proxeccións que dialogan arredor da percepción, a memoria e os límites da representación: Un falso despertar (14 minutos) e Film (22 minutos), dirixido por Alan Schneider e protagonizado por Buster Keaton a partir dun guión de Samuel Beckett. A actividade incluirá un coloquio posterior e está concibida como un espazo de encontro e reflexión arredor do cinema, a cargo dun colectivo da vila comprometido dende vai décadas coa achega dun cinema alternativo á veciñanza.

Con esta programación, o FIC Vía XIV reafírmase como un festival que transcende o modelo competitivo para converterse nun espazo plural, atento aos debates contemporáneos e comprometido co territorio e cos públicos. O cinema enténdese aquí como un acto colectivo, unha ferramenta de análise e unha oportunidade para fomentar o pensamento crítico e a participación cultural.

Back to top button