En portadaÚltima horaVídeos

Rehabilitación paisaxística das antigas escolas de Seadur (Larouco), cuns 117.000 euros de investimento

 

Cunha imaxe totalmente renovada loce a contorna e o edificio das antigas escolas de Seadur, no concello de Larouco. Neste lugar realizábase unha rehabilitación paisaxística, cun investimento total de case 117.000 euros. Esta mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, visitaba o resultado da actuación, acompañado pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, e por veciños desta localidade.

As actuacións realizadas nesta contorna permitiron crear un espazo público verde híbrido, que integra usos lúdicos, de descanso e culturais, realizándose melloras no interior do edificio, no espazo público e na contorna natural. “O resultado foi a creación dun espazo multiusos para a estancia e actividades de distinto tipo, entre elas as sociais e culturais”, asegurou o director de Turismo.

 

 

Ademais, creouse un xardín multixeneracional no acceso con vexetación e mobiliario para público infantil e de diferentes idades, integráronse distintos elementos vexetais e outras especies e engadíronse zonas de plantado nos pavimentos duros existentes. O espazo multiusos conta cunha estrutura de madeira tipo pérgola, con 7 pilares dobres en forma de V conectados co centro veciñal con mobiliario a medida.

 

 

A rehabilitación incluiu tamén a creación dunha praza cultural con grada-mirador e cine con mobiliario a medida con tumbonas para contemplar a paisaxe, plataformas para descansar e gradas para eventos como proxeccións ou representacións. Tamén se actuou na ladeira sudeste creándose un paseo nunha contorna natural con especies autóctonas. Turismo de Galicia investiu nesta actuación máis de 100.000 euros.

“O Concello de Larouco conta desde de hoxe cun espazo rehabilitado que integra usos lúdicos, de ocio e culturais que poden gozar tanto os visitantes deste concello ourensán como a poboación residente”, comentaba Xosé Manuel Merelles.

“Estamos moi satisfeitos de que esta actuación tamén sirva para transmitir o que supón un territorio, o contacto coa natureza”, dicía Xosé Manuel Merelles, que confía en que “isto sirva para destacar a importancia que ten o territorio, as persoas, a natureza e o clima. Espero que estas instalacións de árbores autóctonas sirvan para ter presente esta motivación do que é o Camiño de Santiago e os seus valores”.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa de Larouco, aseguraba que “este é un compromiso da Xunta de Galicia, poñer en valor sitios como este, que son moi vividos polos veciños de Seadur. Neste lugar reúnense a xogar as cartas pola tarde, tamén hai obradoiros de memoria… todas as actividades están centradas neste local… Agora dispomos dun sitio novo que vai a ter moito verde no futuro”. A intervención incluía tamén unha zona de protección dun lateral do edificio. “Sen esta intervención non poderíamos estar gozando desta paisaxe baixo a chuvia”, concluía a rexedora, referíndose a ela.

A visita concluía cunha degustación de bica, acompañada de café para os asistentes.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button