ConcellosO BarcoÚltima hora

Remata a rehabilitación da contorna da igrexa de San Sebastián de Xagoaza (O Barco)

As obras supuxeron un investimento de case 79.000 euros

 

Esta mañá o Concello do Barco recibía as obras de “Rehabilitación do entorno da Igrexa de San Sebastián”, na localidade de Xagoaza, executadas pola empresa Acoval cun orzamento de case que 79.000 euros. As actuacións, realizadas nos últimos tres meses, consistiron na rehabilitación e acondicionamento integral do entorno da igrexa, “que agora mostra todo o seu potencial e beleza aos moitos visitantes que se achegan ata a localidade”, tal e como informa o Concello.

O templo está situado na localidade de Xagoaza, fronte ao Albergue da mesma localidade e próxima ao Mosteiro de Xagoaza. “Este feito provoca que a zona sexa visitada de xeito habitual por moitas persoas, polo que o grupo de goberno considerou necesario facer unha intervención que puxera en valor a igrexa e que, ao mesmo tempo, mellorara a accesibilidade e a seguridade dos usuarios do templo, xa que o muro de mampostería que o rodea tamén precisaba o seu arranxo”, segundo o Concello.

As obras comezaron coa retirada do muro que bordea a igrexa, lindando coa rúa Barrio Casas Ferreiras e que se atopaba deteriorado en varios puntos. Procedeuse a refacer o muro coa mesma pedra ou similar, recrecendo a súa altura en 50 centímetros ao longo de todo o perímetro para mellorar a súa estabilidade e evitar a caída dos peóns. Este murete continuouse cara á rúa onde se sitúa o Albergue, deixando un paso para o acceso á zona da igrexa e continuando cun bordo de granito silvestre para separar a zona do atrio da igrexa da calzada, segundo a inforrmación achegada polo Concello.

 

 

O pavimento de formigón do exterior da igrexa foi retirado na súa totalidade por medios manuais para garantir a estabilidade de muros e edificación, respectando as especies arbóreas existentes, e retiráronse as luminarias e bancos existentes. Rasanteouse e compactouse debidamente o terreo e procedeuse á colocación dun corredor de 1,20 metros de ancho ao redor do templo, de laxas macizas de granito de 120 cm de ancho, 40 cm de longo e 8 cm de espesor, e se estendeu unha capa de terra vexetal e céspede rústico no resto da parcela.

Tamén se conectaron as baixantes existentes nos laterais da fachada principal da igrexa a unha nova rede de pluviais, e sacáronse as augas fora do muro mediante unha tubaxe enterrada. Para garantir a correcta evacuación das augas de choiva do resto da parcela, conectouse o resto das baixantes, mediante tubaxe enterrada, á rede de saneamento que discorre pola rúa adxacente, explica o Concello.

Para que estas arquetas se mimeticen coa contorna, puxóselles unha laxa de granito silvestre similar ás do novo pavimento a modo de tapa, e se instalaron baixo o novo chan nos sitios onde foi posible. Soterrouse a liña eléctrica e colocáronse catro luminarias con columna tubular recta, en cor negra mate, e soterrouse a liña eléctrica entre elas. Tamén se retirou o cadro de contadores situado na fachada de la igrexa e se colocou un novo, cun acabado idóneo coa estética xeral, soterrando tamén a liña eléctrica. Por último, colocáronse tres novos bancos de estética adecuada co resto da contorna en substitución dos anteriores.

Back to top button