Veigamuíños, Santigoso e Vilanova. Son os tres núcleos ruais de poboación nos que o Concello do Barco finalizaba esta semana tres obras de mellora.
Así o explica o alcalde, Aurentino Alonso, na mañá deste mércores 26 de agosto, nun dos espazos reformados, as escola rural de Veigamuíños onde, ademais da pavimentación e mellora do espazo de recreo, tamén se colocou un pavimento de caucho na zona destinada aos xogos infantís, un pavimento de adoquín na área de xogos biosaudables, e un pequeno xardín para elementos ornamentais. Os mencionados xogos infantís foron, así mesmo, recolocados na marxe dereita, deixando a marxe esquerda para os de tipo biosaudables. Tamén se procedeu á colocación dunha nova fonte en substitución da existente.
Na escola rural de Santigoso, na explanada diante da escola, aplicouse unha capa de formigón e posteriormente de adoquín. “Ademais, na zona do parque infantil, logo da capa de formigón, colocouse un pavimento de caucho continuo para absorción de impactos. Por último, procedeuse a colocar un novo xogo infantil, tipo multixogo”, explicou o alcalde.
Estes dous traballos nos que se incrementou a accesibilidade e seguridade, corresponden ao proxecto “Melloras nas escolas rurais de Santigoso e Veigamuiños”, levadas a cabo cun orzamento base de licitación de 100.000 euros (IVE incluído). “Conscientes das deficiencias de ámbalas dúas infraestruturas, e co fin de melloralas, decidiu acometer as obras necesarias, incluíndoas dentro das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas, que se tramiten ao amparo da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) para o ano 2025”, engaden dende o Concello.
Con respecto ao segundo proxeco, denominado “Humanización rúa da Igrexa en Vilanova. Fase I.”, e que o Concello levou a cabo cun orzamento base de licitación de 130.000 euros (IVE incluído), inclúese no programa de investimentos do Plan de Cooperación Provincial para Obras e Servizos Municipais (CooperOU), para o exercicio 2025.
As obras acometidas consistiron no acondicionamento da rúa da Igrexa de Vilanova, onde se levou a cabo a demolición e posterior reposición do pavimento, concretamente no tramo comprendido entre a praza situada no cruce da rúa Camiño dos Pacios coa rúa da Igrexa e a Praza da Igrexa. Os traballos fixéronse seguindo unha estética acorde aos bens protexidos, pola súa importancia arquitectónica, que se atopan situados ao longo desta rúa. Ademais, procedeuse á substitución das infraestruturas de abastecemento, saneamento e rego, xa que se estimou chegaran ao final da súa vida útil.
Con esta actuación, a pretensión do Concello foi “mellorar a calidade de vida dos habitantes do núcleo, humanizando unha das rúas centrais do mesmo, converténdoa nun espazo atractivo, que invita ao goce do aire libre e promove a reunión da veciñanza”.


Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.
Vídeos: Mónica G. Bellver.