A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras despedía na mañá deste 18 de xullo aos trinta e dous novos especialistas, que acaban de rematar a súa formación nas diferentes especialidades facultativas e de medicina familiar e comunitaria, todos e todas superaron unha intensa etapa de aprendizaxe, de catro anos.
Destes trinta e dous especialistas que agora rematan o seu proceso formativo que comezou no mes de xullo de 2021, un ano despois do comezo da Pandemia COVID, o 90 % son mulleres e a meirande parte deles continuarán o seu labor asistencial nos diferentes hospitais de Ourense e os seus centros de saúde da área sanitaria.
Como vén sendo habitual, Medicina Familiar e Comunitaria, con trece novos especialistas, é o grupo máis numeroso de post graduados (13), seguido de Anestesia e Reanimación (4), Pediatría (3), Psiquiatría (2) e un en cada unha das disciplinas de Obstetricia e Xinecoloxía, Análises Clínicas, Hematoloxía e Hemoterapia, Radioloxía e Radiodiagnóstico, Nefroloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Medicina do Traballo, Otorrinolaringoloxía e Psicoloxía Clínica.
A xornada, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, estivo presidida polo xerente da área sanitaria ourensá, Santiago Camba Bouzas, acompañado polo Presidente da Comisión de Docencia Hospitalaria, Jesús García Mata, e o xefe de estudos e o xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Luis Antonio González Rodríguez.
O xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba, deulles os parabéns aos novos graduados “é un orgullo vervos marchar como profesionais completos xa que sodes a xeración máis preparada. E estamos tranquilos, porque sabemos que deixamos a saúde da nosa xente nas mellores mans”. O xerente tamén salientou amén salientou a importancia de “cultivade a empatía, sede solidarios, sede humildes e lembrade sempre que detrás de cada diagnóstico hai unha persoa que espera, que confía, que sofre ou que precisa unha palabra”.
Ademais, o presidente da Comisión de Docencia. Jesús García Mata, quixo agradecer na súa intervención a titores, unidades docentes e servizos implicados no proceso formativo, destacando o traballo conxunto que permite garantir unha formación especializada de calidade.
Tamén Luis Antonio González, xefe de Estudos da Unidade Multiprofesional de Familiar e Comunitaria, destacou o nivel de excelencia formativa acadado por todos os residentes e moitos deles acadaron a especialidade en medicina familiar desenvolvendo o seu traballo en diferentes centros de saúde da provincia “comprenderon a importancia de atender ao paciente non só desde un punto de vista puramente asistencial senón cunha visión global que abarca ao propio paciente e o seu entorno onde debe primar sempre a empatía e a proximidade”
A conferencia do acto de clausura “As verbas importan” correu a cargo da anterior xefa de estudos da Unidade Multidisciplinar de Familiar e Comunitaria, a doutora Sandra Pardo, que animou aos xa especialistas na súa nova etapa laboral e destacou a importancia dunha medicina técnica pero sobre todo chea de humanidade.
Dende 1977, data da Orde Ministerial que institucionalizou a nivel nacional a vía MIR, a Comisión de Docencia de Ourense, leva mais de corenta anos formando especialistas dun xeito continuado, aumentando progresivamente a súa acreditación para impartir formación en novas especialidades e centros.
Como xa ven sendo unha tradición, os novos especialistas recibiron un alfinete de prata deseñado polo escultor ourensán Manuel García “Buciños”, peza única denominada “Unha ponte cara á saúde” que lle foi encargada pola Área Sanitaria, para servir como lembranza do seu paso polas unidades docentes de Ourense.