ConcellosO BarcoÚltima hora

Rematan os Obradoiros “Fiando a Memoria”, con 60 participantes no Barco, Viloira, Éntoma e Veigamuíños

 

Esta semana veñen de clausurarse os Obradoiros de Estimulación Cognitiva “Fiando a Memoria”, organizados pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Barco, e dirixidos a persoas adultas que queren manterse activas e exercitar as súas funcións congnitivas. Os obradoiros son totalmente gratuítos para los participantes, ao seren financiados integramente polo Concello.

Esta actividade desenvolvíase dende o 14 de outubro en Veigamuíños, os luns de 16:00 a 17:30 no Local Municipal da Asociación de Veciños; en Éntoma, os luns de 18:00 a 19:30 horas, na antiga escola Municipal; no Barco, os mércores de 11:00 a 12:30 horas no cuarto andar da Biblioteca Municipal; e en Viloira, os mércores de 15:30 a 17:00 horas, no local Municipal da Asociación de Veciños.

Algunhas das actividades que se levaron a cabo foron exercicios de memoria para mellorar a codificación, almacenaxe e recuperación da información. Tamén se desenvolveron técnicas de expresión artística, exercizos de diferente tipo e técnicas participativas para recuperar a memoria individual e colectiva, así como exercizos de expresión oral e escrita e dinámicas corporais e de xogo.

Estes obradoiros son tamén un espazo de encontro e disfrute onde se recuperan saberes comunitarios e patrimoniais da contorna. Nesta edición dos obradoiros participaron nos catro grupos indicados 60 persoas, a maioría delas mulleres e cunha media de idade de 72 anos. Durante 9 meses de traballo conxunto, os grupos tamén se converteron en grupos de apoio, amizade e cohesión.

Para o peche de actividades, cada un dos grupos realizou diferentes celebracións. Practicamente todos, compartindo doces, conversas e risas entre as participantes, que recibiron certificados de recoñecemento e un material final: en Veigamuíños e Éntoma elaborouse e entregouse a cada unha das participantes un fanzine titulado “Son Patrimonio” un recurso que recolle o vínculo individual e a memoria colectiva asociada a obxectos presentados durante o curso; e no Barco e Viloira recibían o “Caderno para estar en forma”, un compendio de exercicios personalizados e deseñados para manterse activas durante o verán.

Fotos cedidas.

Back to top button