SanidadeÚltima hora

Reorganización da atención sanitaria para o martes nos centros de saúde ourensáns afectados polos lumes

Centro de Saúde do Barco.

 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, informa da reorganización da atención sanitaria para este martes nos centros de saúde da provincia de Ourense afectados polos incendios co fin de garantir a atención a toda a poboación.

“Debido á incidencia nas telecomunicacións en varios centros de saúde a atención médica centralízase nos centros cabeceira, como se vén facendo desde este luns, coa novidade de que retoma a atención médica no centro de saúde da Veiga e tamén no consultorio de Albarellos no seu horario e funcionamento habitual r que a atención médica do centro de saúde de Laza e do consultorio de Vilaza (Monterrei) quedará centralizada no centro de saúde de Verín. Así, manterase a reorganización iniciada este luns en varios centros de saúde da provincia, que permitiu que a atención sanitaria se realizase con normalidade e sen complicacións”, segundo informa Sanidade.

Así, novamente neste martes a atención médica dos centros de saúde de Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá e O Bolo quedará centralizada no centro de saúde do Barco de Valdeorras, se ben estes catro centros de saúde permanecerán abertos e con servizo de enfermería dispoñible.

No caso dos centros de saúde de Petín e de Larouco a atención médica seguirá centralizada no centro de saúde da Rúa. Estes dous centros tamén permanecerán abertos e neles tamén estará dispoñible o servizo de enfermería.

O centro de saúde de Viana do Bolo centraliza este martes a atención médica do centro de saúde de Vilariño de Conso, no que estará dispoñible o servizo de enfermería. O centro de saúde da Veiga recupera este martes a atención médica no seu horario e funcionamento habitual.

Por outra banda, a asistencia médica dos centros de saúde de San Xoán de Río e de Manzaneda seguirá concentrada no centro de saúde da Pobra de Trives. Igualmente, estes dous centros de saúde estarán abertos con servizo de enfermería.

No centro de saúde de Verín quedará centralizada este martes a atención médica dos centros de saúde de Oímbra, de Laza, de Cualedro e do consultorio de Vilaza. En todo caso, nestes centros de atención primaria estará dispoñible o servizo de enfermería. Porén, este martes será posible retornar a atención médica ao consultorio de Albarellos, no seu horario e funcionamento habitual.

Por último, a atención médica no centro de saúde de Chandrexa de Queixa mantense centralizada no centro de saúde de Montederramo, se ben neste centro de saúde estará dispoñible o servizo de enfermería.

Para garantir as comunicacións nos principais centros sanitarios nas áreas afectadas polos incendios da provincia de Ourense instaláronse esta fin de semana antenas para conexión vía satélite (STARLINK), priorizándose aqueles que son cabeceira de comarca, puntos de atención continuada e atendendo ás distancias ao centro de referencia e á poboación.

Así, instalouse este sistema no Hospital Comarcal de Verín, no Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras e en centros de saúde como o da Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo, A Rúa, O Barco de Valdeorras, A Mezquita e Vilardevós.

Este luns continuouse co despregamento desta tecnoloxía e tamén cos traballos de reposición da fibra para poder restablecer a conectividade nos centros de saúde afectados o antes posible.

Back to top button